CONCELLO
Esta semana comeza a campaña especial de limpeza das rúas peonís .- O Concello inicia esta semana unha campaña especial de limpeza das rúas peonís coa colaboración da empresa concesionaria do servizo, Cespa, baixo a coordinación da Concellería que dirixe Lino Mouriño. A medida levarase a cabo por fases, empezando de inmediato polas tres rúas do casco vello de Vilagarcía: Rey Daviña, Méndez Núñez e Romero Ortiz. Posteriormente trasladarase a outras zonas.
25.11.2015.- A actuación a levar a cabo nestas rúas ten como obxectivo limpar os solados de pedra que presentan unha imaxe mellorable debido ao verdín e musgo que medra favorecido pola humidade que se mantén en rúas estreitas e sombrías como son estas.
Para recuperar o estado orixinal da pedra utilizarase un produto especial branqueador que se bota a man, mediante regadeiras e que, despois de deixar actuar durante un tempo, se retira baldeando auga. Esta primeira actuación permitirá retirar o verdín existente e branquear a pedra. Ademais de mellorar a estética e imaxe das rúas, que se verán máis limpas, tamén se evitará a creación de zonas esvaradizas como resultado da acumulación de verdín.
Unha vez realizada esta labor, aplicarase un líquido específico para o tratamento de espazos urbanos que protexe as superficies impedindo o crecemento de microalgas ou fungos como verdín, líquens ou musgo. Con isto conséguese que as rúas duren máis tempo limpas e en bo estado e que as labores de mantemento non teñan que ser tan continuadas.
Persoal de Cespa será o encargado de executar a campaña ordenada polo departamento que dirixe Lino Mouriño, que tamén será quen aporte os produtos específicos para a limpeza. O concelleiro explicou que esta actuación ten que compatibilizarse coa labor diaria e habitual de Cespa, aproveitando a dispoñibilidade de persoal, polo que o máis probable é que se leven a cabo en xornadas alternativas. En compensación, e para que os traballos avances a bo ritmo, vanse a levar a cabo en horario nocturno, cando non hai xente nas rúas, e para o que Cespa disporá dunha brigada nocturna.