OBRAS E SERVIZOS
A venta de verdura realizarase na zona exterior do río e no primeiro andar da Praza mentres duren as obras Finalmente, a venta de verduras na Praza de Abastos realizarase a partir do vindeiro luns e ata principios de novembro no primeiro andar do edificio e na zona exterior que da ao río. O traslado é unha medida provisional que se adopta para permitir a execución das obras de acondicionamento e mellora que o Concello levará a cabo para actualizar as instalacións e a imaxe das mesmas.
01.10.2015.- O concelleiro de Mercados e as vendedoras de verdura acordaron esta distribución nas últimas horas co obxectivo de coordinar canto antes o inicio dos traballos que xa foron adxudicados á empresa Marco. Segundo se acordou, as vendedoras que se instalarán no exterior da Praza mentres duren os traballos serán aquelas que están dadas de alta, mentres que as campesiñas que acude a vender excedentes de forma esporádica situaranse no primeiro andar do edificio do Mercado, que dispón de bancadas baleiras.
A repercusión do traslado será mínima xa que, ademais de prolongarse catro semanas, a inmensa maioría das vendedoras só montan os seus postos dous días á semana, os martes e sábados.i, que este emprazamento provisional será inicialmente por 8 xornadas.
Inicialmente o Concello ofertara ás vendedoras de verdura a posibilidade de situarse todas xuntas a cuberto na Praza da Peixería, opción que dicían descoñecer e que presentaba problemas para as labores de carga e descarga debido aos postos dos ambulantes do mercado. Dado que existían outras demandas de este espazo por parte de distintos colectivos para a organización de actividades, finalmente descartouse totalmente a venta de verduras na Peixería.
As melloras no edificio auxiliar que da cabida ás vendedoras de verdura precisa dun investimento de 73.020 euros que se financia a través dunha subvención da Xunta e dunha achega municipal. As usuarias das instalacións non aportan ningunha suma para a realización desta sobras que si repercutirán positivamente na súa actividade xa que o obxectivo das mesmas é modernizar e mellorar as instalacións e facelas máis cómodas e atractivas tanto para elas como para os seus clientes. Trátase dun xeito de dinamizar a actividade na Praza de Abastos.
A actuación afectará tanto ao exterior como ao interior do pavillón. Por fóra actuarase en toda a fachada, pintando tanto as paredes como a marquesiña perimetral e mantendo as zonas de mamposteiría ce pedra das portas principais. Xa no interior a mellora comezará polo estragado solado que se retirará por completo para aplicar un revestimento continuo de resina de 3 milímetros de espesor, similar ao do edificio principal, e de cor gris.
Tamén se revestirán os parámetros verticais con pintura especial e retiraranse as lonas publicitarias que serán substituídas por paneis de aluminio e adhesivos de vinilo coa marca da identidade corporativa de Concello e Praza de Abastos. Tamén se arranxaranse as bancadas de mármore.
Ademais, e como mellora engadida, renovarase a iluminación interior do edificio, actualmente a base de tubos fluorescentes, que se substituirán por 50 puntos de lámpadas led. Esta medida, ademais de mellorar as condicións lumínicas das instalacións, tamén suporá un aforro enerxético no consumo de electricidade.