SEGURIDADE CIDADÁ
O Concello coordina o operativo especial de seguridade con motivo do Combate Naval O Concello acolleu esta mañá a primeira reunión de coordinación do Operativo especial de seguridade que se porá en marcha con motivo da celebración do Combate Naval. Os concelleiros de Seguridade, Cultura e Turismo presidiron o acto no que por parte do Concello tamén tomaron parte os responsables da Policía Local, servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil. Por parte das demais administracións e organismos estiveron responsables da Xefatura Provincial de Emerxencias da Xunta, departamento de intervención de armas e explosivos da Garda Civil, Bombeiros do Salnés, Capitanía Marítima, 112 e Autoridade Portuaria, así como os técnicos da empresa pirotécnica.
28.07.2015.- No encontro trazáronse as liñas principais para deseñar o Plan de Seguridade que debe poñerse en práctica cun dos eventos máis multitudinarios das festas de Vilagarcía. Neste documento establécense tanto os medios humanos e materiais dispoñibles para garantir a seguridade e posible atención de emerxencias, así como as medidas para facilitar o acceso fluído das persoas tanto ao inicio como ao remate do Combate ou as distancias de seguridade a respectar tanto por terra como por mar, entre outros aspectos.
A de hoxe foi a primeira xuntanza de traballo en relación ao Plan de seguridade do Combate Naval, un asunto que tamén se abordará na reunión da Xunta Local de seguridade que se celebrará mañá na subdelegación do Goberno de Pontevedra para establecer o dispositivo global e conxunto a desenvolver polas distintas forzas e corpos de seguridade e emerxencia durante os actos máis significativos das festas de San Roque, como a madrugada previa á festa da Auga, durante a propia Festa da Auga ou o Combate Naval.