DEPORTE
O Concello instala pistas sintéticas nos pavillóns deportivos de Guillán e Faxilde O plan municipal de mellora das infraestruturas deportivas do Concello continúa con dúas novas actuacións nas instalacións das parroquias coa colocación de caucho sintético nas pistas deportivas dos pavillóns de Guillán e Faxilde. Os traballos suporán un investimento conxunto de 41.300 euros e servirán para mellorar notablemente as condicións das canchas para a práctica deportiva, así como a seguridade dos propios deportistas.
20.04.2015.- A Xunta Local de Goberno aprobou o venres adxudicar ás empresas Mondo e Ulloa a colocación das pranchas de caucho sintético. No caso do pavillón de Guillán, a executar por Mondo, a actuación adxudicouse por 21.162 euros, mentres que a de Faxilde contratouse con Ulloa por 20.124 euros.
As superficies das pistas actuais nos pavillóns de Guillán de Faxilde son de formigón pulido, un material duro e abrasivo ao roce que favorece as lesións en caídas e golpes dos usuarios das mesmas. Coa dotación do caucho, os pavillóns destas dúas zonas das parroquias dan un importante salto cualitativo que incidirá positivamente nos deportistas que fan uso delas.
Aproveitamento de recursos
O Concello leva a cabo esta importante mellora a un custe reducido posto que se realiza co aproveitamento de recursos xa existentes, neste caso do caucho retirado das pistas de Fontecarmoa. As tres pistas sintéticas do multiusos da Maroma foron obxecto dunha recente operación de saneamento coa que se eliminaron os bordes levantados e as zonas deformadas polo uso. Unha vez efectuada, as pranchas resultantes quedaron en perfectas condicións e unha delas xa volve a estar colocada e funcionando en Fexdega. Dado que o Concello ten previsto adquirir unha nova cancha de caucho e outra de madeira para substituír ás outras dúas, estas serán destinada aos pavillóns de Guillán e Faxilde, que en cuestión dunhas semanas estrearán a nova superficie moito máis adecuada para a práctica deportiva.
Cama illante e para a absorción de impactos
Ademais da evidente mellora nas condicións biomecánicas para a práctica deportiva, as actuacións contratadas tamén servirán para mellorar o illamento térmico e a impermeabilidade das pistas. Para elo, sobre o solado de formigón colocarase unhas lamas estabilizantes e illantes de fibra de vidro que impedirán filtrar humidades e facilitará a absorción de impactos. Sobre esta capa asentaranse as pranchas de caucho sintético.