OBRAS E SERVIZOS
O Concello eleva ata os 550.000 euros a súa achega para a segunda fase da Praza de Abastos A demandada segunda fase da rehabilitación do edifico da Praza de Abastos poderá finalmente iniciarse este ano grazas á ampliación dos fondos cos que contribuirá o Concello, grazas aos cartos que se aforrará en amortizacións dos intereses do plan de pago a provedores.A suma total que investirá a administración local no proxecto ascenderá a 550.000 euros aos que se sumarán as subvencións solicitadas a Xunta e Estado para completar os 745.000 euros nos que está valorado o proxecto.
23.01.2015.- O incremento da achega municipal foi anunciada polo alcalde Tomás Fole, esta mañá, no transcurso da rolda de prensa ofrecida polo delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, e o xefe provincial da Consellería de Industria, para presentar a convocatoria das subvencións autonómicas para a mellora de praza de Abastos, mercados tradicionais e centros comerciais urbanos. A presentación fíxose en Vilagarcía dando continuidade á visita que o conselleiro de Industria realizou a semana pasada e na que comprometeu financiamento autonómico para a segunda fase da praza a través desta liña de axudas.
Completar a rehabilitación e mellora da Praza de Abastos é unha das obras prioritarias para o goberno local que, despois de que o ano pasado se acondicionara os postos exteriores do edificio remodelado, para este exercicio xa reservara 200.000 euros do Plan de Investimentos Municipais de 2015 a financiar un proxecto valorado en 745.000 euros. Fole comentou que o Ministerio de Economía e Facenda acaba de comunicar aos Concello adscritos ao Plan de Pagos a Provedores que en 2015 quedan liberados do pago dos intereses dos créditos debido á baixada dos tipos de interese. Como consecuencia, o goberno destinará os 350.000 euros que aforra da amortización, ao proxecto da Praza de Abastos.
Asuntos a tratar no Pleno do luns
Este cambio na finalidade do crédito e a correspondente modificación orzamentaria tratarse no Pleno do luns. O alcalde puxo de manifesto o seu desexo de que os grupos da oposición apoien unanimemente a utilización destes fondos para a obra da Praza de Abastos, “tendo en conta a evidente necesidade de rematar unha obra moi demandada e incompleta”.
A achega municipal acada os 550.000 euros, polo que o rexedor amosouse completamente seguro de que a suma necesaria para realizar o proxecto comp0letarase coas subvencións que se solicitará á Xunta, e que comprometeu o propio conselleiro, máis coa que xa se tramitou ante o Ministerio de Fomento a través do 1,5% Cultural. O proxecto da Praza pode acollerse a estas axudas debido ao seu valor patrimonial, arquitectónico e artístico. No caso de que ámbalas dúas subvencións superen os 150.00 euros restantes, isto permitirá ao Concello reducir a súa achega e destinar os cartos a outras obras tamén moi necesarias para Vilagarcía.
Orde publicada hoxe no DOG
Pola súa banda, o xefe territorial da Xunta, Cores Tourís, informou que a través da convocatoria publicada hoxe no DOG, a Xunta de Galicia destina 5 millóns de euros a axudas para as prazas de abastos, mercados tradicionais e centros comerciais urbanos.
Liña para os concellos
A primeira liña da subvención ten como destinatarios aos concellos está dotada con 2,8 millóns de euros. Os obxectivos da mesma son financiar obras de reforma, mellora e rehabilitación das prazas de abastos de Galicia, zonas peonís e aparcamentos da súa contorna, eliminación de barreiras arquitectónicas nos edificios de mercados, melloras nas zonas de mercados ambulantes, amoblamento e sinalización ou mellora enerxética.
A diferenza da anterior convocatoria, poderán acceder a estas axudas,. Os concellos de ata 70.000 habitantes e a suma da subvención poderá acadar o máximo do 70% do custe do proxecto nun máximo de 150.000 euros.
Axudas a asociacións de comerciantes e centros comerciais urbanos
A segunda liña de axudas ten como destinatarios ás asociacións e colectivos de comerciantes e centros comerciais urbanos. Está dotada con 2.2 millóns de euros e concédense en función do número de habitantes da poboación e do de asociados aos colectivos solicitantes. Con estes fondos financiaranse actuacións de dinamización das prazas de abastos e mercados tradicionais, fidelización de clientes, mellora da competitividade, rotulación ou sinalización.