CULTURA
A Sala Rivas Briones so dispón dun mes libre para a acoller exposicións en 2015 A tan so tres semanas de iniciado o ano, a Sala de Exposicións máis emblemática do Concello de Vilagarcía, a Rivas Briones, ten xa comprometida programación para practicamente todo o 2015. A Concellería de Cultura xa ten pechadas oito mostras para este ano, polo que no calendario de actividades da galería so queda dispoñible o mes de setembro.
22.01.2015.- Entre as oito exposicións programadas están representadas diversas modalidades artísticas. Polas paredes e vidrieiras da sala poderanse admirar obras de fotografía, pintura, escultura e ata arqueoloxía. A primeira das mostras que se poderán ver este ano na sala da Rúa Rey Daviña será “Luces do Mundo”, unha selección de fotografías de Anxo Rial que se colgará a partir do 30 de xaneiro. Collerá o relevo una mostra de Kike Ortega e Carmen Domínguez e a esta seguiralle a mostra “Outros Mundos. Investigacións Arqueolóxicas no Exterior”, organizada pola Deputación de Pontevedra.
En xuño regresa a fotografía coa mostra recompilatoria “10 Anos do Premio Ksado” da Deputación da Coruña e posteriormente exporá a súa obra Cristina García Villegas. Outra muller, Marisa Redondo colgará as súas pinturas na Rivas Briones en agosto, e Fernando San farao en outubro. E mes de decembro resérvase para unha nova edición da subasta exposición de Arte Solidario en beneficio de Cáritas “Caritarte”.
A Sala Rivas Briones é un dos espazos artísticos públicos mais valorados da comarca. O interese dos artistas por expoñer na principal sala vilagarciá é notable, como demostra a axilidade coa que se cobre a súa axenda e incluso a lista de espera existente. Esta sala resérvase para as exposicións máis importantes e para os artistas locais e da zona, posto que creouse co obxectivo de que fora un espazo para divulgar a riqueza e calidade da nosa. Os espazos expositivos municipais complétanse coa sala do Auditorio e tamén cos corredores principais deste edificio.
Mostras no Auditorio
Precisamente, na sala de Exposicións do Auditorio están programadas xa catro mostras que se exhibirán no primeiro semestre de 2015. A finais de xaneiro inaugurarase unha colectiva do grupo M-)0 de alumnos do último curso de Belas Artes en Pontevedra, en marzo regresa o Parque Nacional as Illas Atlánticas coa segunda edición do certame de pintura “Lenzos da Natureza, e a sala acollerá en abril a mostra dos alumnos de Arte do IES Miguel Ángel González Estévez de Carril. Entre maio e xuño colgará a súa obra no Auditorio a pintora María José Giráldez.