AVISOS
Os locais de ocio deberán solicitar cunha antelación de 30 días o permiso especial para realizar cotillóns e Festas de Fin de Ano O Concello advirte aos propietarios de locais hostaleiros e de ocio do municipio que teñan a intención de organizar festas especiais para a celebración do Fin de Ano que, de xeito obrigatorio, deben tramitar un permiso extraordinario. A autorización para este tipo de celebracións é un requirimento que esixe a Xunta de Galicia dende hai uns anos co obxectivo de garantir o cumprimento das normas de seguridade en todas as celebracións. As solicitudes deben realizarse cun mínimo de 30 días de antelación á data da festa.
19.11.2014.- A petición de permiso debe solicitarse á Consellería de Presidencia, que requirirá ao Concello informe previo. Segundo a norma da Dirección xeral de Emerxencias e Interior dependente da Consellería de Presidencia, os donos dos locais de ocio e hostaleiros que desexen organizar este tipo de festas deberán solicitar a autorización extraordinaria cunha antelación mínima de 30 días da data prevista para a celebración da actividade. Os permisos deberán tramitarse ante a Xefatura Territorial da Consellería, Administracións Públicas e Xustiza en de Pontevedra. Non obstante, os interesados terán que dirixirse previamente ao Concello para solicitar o informe municipal que deberá acompañar cada solicitude presentada ante o organismo autonómico.
Ademais do escrito de solicitude de autorización debidamente cuberto cos datos requiridos, a documentación a presentar polos interesados componse de licenza do local, memoria da actividade a realizar, informe do técnico competente de que o local reúne as condicións para a actividade que se pretende realizar, seguro de responsabilidade civil, informe do Concello e xustificante de abono da taxa en concepto de autorización de ampliación de horario de peche.