CONCELLO
Concello e floristas da Praza de Abastos colaboran nunha nova edición do Mercado das Flores Con motivo da conmemoración do Día de Defuntos, o Concello e as floristas que venden habitualmente na Praza de Abastos volven a colaborar para organizar unha nova edición do Mercado das Flores. Para unha mellor exposición do produto e para facer máis cómoda a compra-venta, tanto por parte da numerosas clientela existente nestas datas, como para o traballo das floristas, estas concentrarán a súa actividade baixo a carpa que se instalará no tramo de García de Caamaño máis próximo a Vista Alegre.
25.10.2014.- O Mercado das Flores abrirá o martes, 28 de outubro. O mércores non funcionará co obxecto de que as floristas dediquen á xornada á confección de centros e ramos. A carpa volverá a abrir as súas portas os días 30 e 31 de outubro en horario de 8 da mañá á 21 horas. O día de Defuntos, o 1 de novembro, os máis rezagados tamén poderán acudir ao mercado das Flores a adquirir os ramos para levar aos camposantos, aínda que nesta xornada só ata as 15 horas.
A práctica totalidade das vendedoras de flores que operan na Praza de Abastos, tanto as floristas propiamente ditas como as produtoras de colleita propia, participarán no Mercado das Flores. A carpa ten unhas dimensións de 36 por 20 metros e o seu aluguer corre por conta das vendedoras. A colaboración do Concello chega a través da Concellería de Mercados, dirixida por Rocío Llovo, que aporta loxística en temas de decoración e iluminación.
As propias vendedoras que acoden habitualmente ao Mercado de Vilagarcía organizáronse para distribuír a súa actividade en cómodos postos. As floristas disporán de cinco postos, mentres que as campesiñas que venden flores de colleita propia acomodáranse nun espazo dividido en catro postos. Deste xeito trátase de crear un ambiente máis acolledor, amparar dos elementos climatolóxicos a vendedores e clientes e ofrecer unha imaxe máis organizada e profesional do sector nunhas datas nas que se rexistran as maiores ventas do ano.
Ademais dos obxectivos sinalados, o Mercado das Flores organizouse por vez primeira en 2009 coa finalidade de regular a actividade de venta de flores na Praza de Abastos e o mercadiño ambulante e impedir a competencia desleal. Estes obxectivos xa se acadaron posto que todas as vendedoras que concorren á cuarta edición dispoñen dos permisos para realizar esta actividade.