OBRAS E SERVIZOS
O Concello adxudica a obra de reforma da Praza de España e a humanización do contorno A esperada reforma da Praza de España iniciarase en breve ao terse cumprido xa todo o procedemento administrativo coa adxudicación do proxecto á empresa Stradia Infraestruturas S.L. A Xunta Local de Goberno adoptou onte o acordo que permitirá recuperar un espazo que se atopa bastante degradado pese a tratarse dunha zonas máis emblemáticas do Concello.
25.10.2014.- A obra financiarase a través do Plan Municipal de Investimentos incluído nos Orzamentos do Concello para este ano 2014. O goberno tiña reservados para esta obra 300.000 euros dos que, grazas á mellora económica ofertada pola empresa, finalmente empregaranse 224.709,99 euros.
O proxecto deseñado pola Oficina Técnica Municipal de Rehabilitación Urbana pretende recuperar un espazo actualmente bastante degradado, mellorar a súa estética e funcionalidade dando protagonismo aos seus elementos máis emblemáticos: a fonte decimonónica e a arboreda. A reforma proxectada está acorde coa contorna monumental na que se empraza e tamén coas actuacións de humanización e peonalización levadas a cabos nas rúas que desembocan nela.
As obras baseanse en dous piares fundamentais: - A reforma e acondicionamento dos xardíns, a restauración da fonte central e reurbanización - A peonalización dos viais que bordean a praza: o vial que conecta Edelmiro trillo con Covadonga, e a continuación da rúa Covadonga ata o encontro con Vicente Risco.
Con esta actuación preténdese dinamizar e recuperar esta emblemática Praza como espazo atractivo para o esparexemento e paseo da cidadanía, tendo en conta o privilexiado espazo que ocupa: no centro da cidade, fronte Igrexa de Santa Baia de Arealonga, e nas inmediacións do conxunto histórico e monumental de Vista Alegre co que se conecta a través da Rúa Arcebispo Andrade.
A humanización e peonalización das rúas adxacentes proponse como continuidade peonalización das rúas Covadonga, Arcebispo Andrade, Praza de Galicia e Rúa Castelao levadas a cabo hai uns anos, e tendo en conta que, dende hai anos, a Praza de España, funciona exclusivamente a modo de glorieta para o tráfico rodado.
Tendo en conta a Paisaxe histórica na que se empraza a Praza de España, o proxecto propón a conservación e restauración da Fonte Decimonónica como fito simbólico sobre o seguirá gravitando o espazo público. A xeometría do xardín respéctase cos seus eixos axiais para vertebrar o espazo mantendo as conexións que ofrecen os catro brazos da cruz que forman os camiños.
Bóvedas e cúpula coas ramas das árbores
Para abrir perspectivas e aportar maior luz a un espazo que agora vese moi sombrío, eliminaranse as especies vexetais ornamentais plantadas nos parterres, que quedan como pradeiras. Así reálzase a arboreda orixinal para o cal o proxecto inclúe una actuación de saneo e rexeneración, e unha poda coidada e dirixida respectando a xeometría da praza, de forma que se creen bóvedas sobre as sendas e unha cúpula sobre a fonte.
No que á zona verde se refire, mellorarase a xeometría e a estética regularizando os parterres e ensanchando un pouco a zona axardinada a efectos de integrala coa contorna.
Peonalización coa combinación de granito de calidade
A peonalización proxectada basease no coidado ao detalle e na calidade dos pavimentos a utilizar, que serán de lousas ensambladas de xeito que se adapten á perfección á xeometría do espazo e do xardín central. O material elixido será o granito con diferentes acabados, segundo as zonas, pero que terán un groso e calidade suficiente para garantir a súa conservación a longo prazo posto que. Aínda que serán de uso peoníl, permitirase o acceso de vehículos para carga e descarga.
Ademais, incidirase na supervisión, reparación e complementación das redes de evacuación de pluviais.
En canto ao mobiliario urbano, conservaranse os bancos de pedra e forxa, que serán restaurados e colocaranse outros novos de madeira de pino de alta resistencia e pés de aceito cortén.
Iluminación en xardíns e fonte
Instalaranse un tipo de balizan nos límites do xardín; outras de baixa temperatura irán integradas nos setos, e no interior da pila da fonte instalaranse focos subacuáticos.