OBRAS E SERVIZOS
O Plan de Asfaltados gaña 5.500 metros cadrados máis nos que actuar grazas ás melloras da adxudicataria O Plan de Asfaltados da rede viaria de Vilagarcía que financia o Concello aumentará o ámbito de actuación previsto inicialmente no proxecto grazas ás melloras ofertadas pola empresa gañadora do concurso, Covsa. Ás rúas e tramos sinalados no documento sumarase o asfaltado doutros 5.500 metros cadrados que asume a firma, o que permitirá acondicionar o firme doutros tramos urbanos e redundará en beneficio dos cidadáns sen custe engadido para as arcas municipais.
17.10.2014.- Un total de 13 empresas se presentaron ao concurso convocado polo Concello para adxudicar as obras do Plan de Mellora do Firme das principais rúas do casco urbano, que se financia con cargo ao Plan de Investimentos do presuposto Municipal de 2014. O prezo base de licitación ascendía a 332.478 euros, suma que Covsa baixou ata os 272.632 euros, o que supuxo un aforro de 59.846 euros.
A proposta económica de Covsa foi a máis vantaxosa para o Concello, ao igual que as melloras ofertadas pola firma xa que, ademais de comprometer o asfaltado de 5.500 metros cadrados en tramos non recollidos no proxecto (coa realización de fresado, rego con adherencia e pavimentación), tamén inclúe a maiores o pintado das marcas viarias nunha superficie total de 450 metros cadrados (isletas, pasos de peóns...), o pintado de 1.000 metros lineais de liñas viarias, así como a execución de dous pasos de peóns elevados a maiores dos recollidos no documento.
O goberno local decidirá en que tramos se aplican estas melloras dentro dos ámbitos nos que está previsto realizar as obras.
Tres ámbitos de actuación
O proxecto do Plan de Asfaltado do centro urbano estableceuse por ámbitos de actuación, cada una das cales inclúe varias rúas dunha mesma zona. A zona centro da cidade colle varios ámbitos de actuación. No de San Roque inclúense a rúa San Roque dende a estación de servizo,a Praza da Independencia e Padre Feijoo. No da Praza de Galicia cóllese esta, Conde Vallellano, así como Arcebispo Lago e o tramo entre Alaxandre Bóveda e Castelao. Bo ámbito do Cavadelo actuarase entre as rotondas rotondas da Comisaría e a do Porto e o tramo da avenida da Mariña que chega ata a Comandancia.
Pasando á zona sur do centro urbano, actuarase na Glorieta da Mariña Española cara á ponte de Doutor Tourón e asfaltarase toda a Avenida Matosiños, dende Doutor Tourón ata Agustín Romero.
O plan chegará tamén á Rúa López Ballesteros e, por último, tamén se efectuará un asfaltado na periferia, concretamente na Rúa Magnolio de Trabanca Badiña, que se atopa nun estado de deterioro moi avanzado.
A concelleira de Obras, Vías Públicas e Urbanismo, Ana Granja comentou que este plan de asfaltados é moi necesario e una das obras máis demandadas polos vilagarciáns se a diario sofren o mal estado das vías pola presenza de socavóns, que dificultan o paso de vehículos e peóns e que coa chuvia crean pozas moi incómodas para uns e outros. Ademais, o mal estado das rúas supón un importante risco de accidentes que tamén se quere atallar coa actuación proxectada.