AVISOS
Todas as actividades da Semana da Mobilidade trasládanse á Fexdega debido á choiva Todas as actividades programadas no marco da Semana Europea da Mobilidade trasládanse ao recinto multiusos de Fexdega para garantir a súa celebración independentemente das condicións meteorolóxicas. A decisión adoptouse este mediodía despois de comprobar que as previsións de choivas intensas mantéñense ata finais de semana. Darase aviso do cambio mediante carteis informativos na explanada do Auditorio e no centro da cidade, así como la web municipal, os medios de comunicación.
17.09.2014.- Pese ao cambio de escenario, o programa deseñado polo Concello para celebrar a semana Europea da Mobilidade mantense con todas as actividades e horarios previstos inicialmente. Efectivos do servizo de Protección Civil e Emerxencias procederán esta tarde ao traslado do material e equipos a Fexdega para proceder a instalación e sinalización dos circuítos do parque de educación viaria.
O parque comezará a funcionar tan pronto estea montado, aínda que é probable que hoxe non dea tempo a súa apertura. Ata o sábado o horario será de 17 a 20:30 horas e o domingo de 11 a 14 e de 17 a 20.30 horas. Poderán participar nel de xeito gratuíto nenos e nenas de ata 12 anos.
Tamén se desenvolverán en Fexdega e baixo teito as actividades organizadas en colaboración con Arousa en Bici. O Hospital de Bicicletas ou taller de reparación funcionará o venres e o sábado a partir das 17:30 horas.
A Escola de Aprendizaxe de andar en bici para persoas de calquera idade estará aberta o venres e o sábado a partir das 17:30 horas e para participar aconséllase pedir cita previa para organizar as clases por tramos horarios. Poden reservar hora dirixíndose ao Concello ou a Arousa en Bici.
Tamén se traslada a Fexdega a exposición de vehículos eléctricos que se poderá visitar o sábado e o domingo de 10 a 21 horas.