TURISMO
Concello, Corticata, Pazo de Rubiáns e Pereira colaboran para ofrecer visitas turísticas aos asistentes á Basket Cup e o Arousa F7 Os centenares de visitantes que recibirá Vilagarcía esta Semana Santa con motivo dos torneos deportivos Vilagarcía Basket Cup e Arousa Fútbol 7 (fase previa) terán un aliciente máis para coñecer a cidade: dende o xoves e ata o domingo terán a oportunidade de visitar dous dos principais atractivos turísticos do concello: a illa de Cortegada, pertencente ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, e o pazo de Rubiáns, primeiro xardín privado de España co grao de excelencia internacional da Asociación da Camelia.
15.04.2014. Na iniciativa colaboran, ademais de Corticata e Pazo de Rubiáns, a empresa Pereira. As tres rebaixaron os seus prezos para colaborar con esta proposta do Concello. Deste xeito, os interesados en participar na experiencia só terán que desembolsar 10 euros, a pagar en destino, o que inclúe traslados ida e volta e a entrada e visita guiada ben á illa, ben ao parque. No pazo, os menores de 14 anos non pagan; e no caso da illa, que obviamente implica transporte en lancha, ademais do autobús, os nenos terán que pagar a partir de cinco anos.
Polas mañás, o traxecto arrancará no recinto feiral de Fexdega ás 10:15 horas. Dende aí, o autobús se dirixirá ao estadio “Manuel Jiménez”, en Fontecarmoa, de onde partirá ás 10,30. Ás 10,45 o autobús deixará no peirao de Carril aos interesados en visitar Cortegada e media hora despois, 11,00, fará o propio no pazo de Rubiáns. A viaxe de volta comezará ás 13,15 horas no peirao de Carril, pasando por Rubiáns (13:30) e Fexdega (13:45), para chegar a Fontecarmoa ás 14:00 horas.
Polas tardes, o autobús sairá ás 14:45 horas de Fexdega con destino a Fontecarmoa (15:00), chegando a Rubiáns ás 15:30 tras pasar por Carril e deixar aos interesados en visitar a illa. A volta será ás 17:15 de Carril, seguindo o mesmo percorrido que á mañá e concluíndo en Fontecarmoa ás 18:00 horas. O domingo non haberá saída pola tarde.
Tanto no recinto feiral de Fexdega coma no estadio “Manuel Jiménez” haberá sendas oficinas de información turística.