MULLER
O Auditorio estrea a exposición verbo-visual “Entre leiras e labores” A sala de exposicións do Auditorio acolle a partir desta tarde a mostra “Entre leiras e labores”, composta polas creacións plásticas e visuais realizadas polas escritoras que participan no libro homónimo, finalista do premio Follas Novas 2022. A actividade organizada pola Área de Igualdade de Vilagarcía pretende dar visibilidade ao traballo das mulleres no mundo da cultura, así como poñer de manifesto a importancia de crear redes entre elas e de destacar e revalorizar as súas accións. A inauguración está prevista para as 19.30 horas e contará coa presenza de varias das escritoras e da concelleira de Igualdade, Tania García.
09.06.2023.- Os traballos que se exhiben na mostra son as obras que ilustran o libro, unha antoloxía verbo-visual composta polas creacións de catorce autoras galegas que, baixo a coordinación de Inma Doval Porto, poñen en diálogo a poesía coa banda deseñada, a escultura, a arte téxtil, o colaxe, a pintura, a fotografía e o gravado. Afra Torrado, Ana Pillado, Ánxeles Penas, Begoña Paz, Blanca Silva, Charo Lopes, Clara Martín, Emma Pedreira, Eva Méndez do Roxo, Helena Villar Janeiro, Lorena Conde, Rebeca Baceiredo, Soledad Pite Sanjurjo e Viki Rivadulla son as escritoras que participan no proxecto. Catro delas, en concreto Afra Torrado, Soledad Pite Inma Doval e Ana Pillado, acudirán á inauguración desta tarde.
A promoción de “Entre leiras e labores” terá un segundo apartado o vindeiro mércores, 14 de xuño, ás 19.30 horas, no marco da programación do Vilagarcía, Cidade de Libro, onde se presentará a obra, previa a celebración do obradoiro-fiadeiro para mulleres que se impartirá no Auditorio ás 17.00 horas.