DEPORTE
A Fundación abre a inscrición das escolas deportivas de verán para a rapazada e das actividades para adultos A Fundación Municipal de Deportes do Concello de Vilagarcía vén de abrir o prazo de inscrición para anotarse nas actividades deportivas de verán. Para o público infantil ofértanse as Escolas Municipais de Navegación e as Vacacións Multideportivas, mentres que os adultos poderán optar ás actividades de Movemento Intelixente (ioga e pilates) e ás do programa Activo MaiorMente, de ximnasia funcional para maiores de 65 anos. A participación é de balde para os titulares do carné da Fundación e os restantes usuarios deberán abonar unha cota de entre 12 e 18 euros. Os interesados poderán anotarse ata o 26 de xuño a través da sede electrónica https://sede.vilagarcia.gal
02.06.2023.- As Escolas Municipais de Navegación están orientadas á rapazada nacida entre os anos 2007 a 2015, tendo como requisito obrigatorio que saiban nadar. Ofértanse 80 prazas para a escola de vela e 30 prazas para cada unha das escolas de salvamento, remo e piragüismo, cunha cota de inscrición de 12,00 €/curso por actividade.
Nas Vacacións Multideportivas poderán participar nenos e nenas nacidos no período de 2009 a 2016. As actividades a realizar inclúen xogos cooperativos e tradicionais, xogos e deportes alternativos e con implementos, mini olimpíadas e unha semana da mobilidade con prácticas en patíns e bicicleta. Desenvolveranse de luns a venres, do 3 de xullo ao 25 agosto, en horario de 10 a 13 horas e nas instalacións de Fexdega. Si non se dispón de carné da Fundación, a cota a abonar é de 12,00 € por un mes e 18,00 € polos dous meses.
Especialmente dirixido á poboación de máis de 65 anos, a Fundación organiza o programa Activo MaiorMente no que se impartirán actividades adaptadas a este público, como ximnasia funcional, e mediante o que se ofrecerá unha prescrición de exercicio físico individualizada a cada usuario, así como control e asesoramento personalizado. O curso desenvolverase en dúas quendas a realizar os martes e os xoves no pavillón de Castelao. A cota para as persoas que carecen de carné da Fundación é de 18 euros.
O último dos programas deportivos é o destinado á poboación adulta de menos de 65 anos. Trátase das Actividades de Movemento Intelixente, que inclúen a práctica de ioga e pilates. As sesións impartiranse os luns e mércores en dúas quendas durante xullo e agosto e a cota de inscrición é de 18,00€ polos dous meses.