PATRIMONIO
O concello adxudica as obras de accesilibidade do cemiterio coa intención de que estean listas para Defuntos A mesa de contratación aberta para dirimir o concurso público do proxecto de reforma das instalacións e pavimentos do cemiterio xeral de Rubiáns decidiu propoñer a Movimiento de Áridos y Construcciones de Arosa, SL (Marconsa) como adxudicatario desas obras. A empresa gañou o concurso tras mellorar as ofertas das outras tres competidoras e rebaixar a 206.800 euros o prezo final, fronte aos 220.000 cos que se fixo a licitación. Ademais, ofreceu dúas melloras: unha instalación de luces led de maior calidade e a ampliación da garantía a 3 anos.
18.05.2023. Aínda que o prazo de execución é de 6 meses, tanto a empresa como o concello comparten a intención de que as obras poidan estar listas antes do 1 de novembro, Día de Todos os Santos, cando o camposanto recibe unha gran cantidade de visitantes. Se por distintas razóns non fóra posible, tratarase de que ao menos as actuacións principais si estean rematadas para facilitar a accesibilidade. De feito, todo o proxecto xira arredor da accesibilidade, malia que se introduzan elementos de mellora estética e de intendencia que non se, é dicir, as renovación das infraestruturas (desaugues, electricidade, etcétera).
Segundo o proxecto deseñado polo arquitecto Mariano Vázquez, a actuación centrarase na parte histórica do camposanto e as melloras serán visibles dende a mesma entrada, onde o carreiro que leva á capela será enlousado e dotado de cipreses a ambos lados do camiño, mellorando por tanto a accesibilidade pero tamén poñendo en valor a monumentalidade da contorna. O resto dos camiños de terra cos que se articula o cemiterio serán consolidados, evitando así os problemas continuos de deterioro pola acción da auga, que á súa vez dificulta o tránsito das persoas, especialmente daquelas con mobilidade reducida.
Toda esta zona do cemiterio, que ten máis de cen anos de antigüidade, verá tamén renovada a súa iluminación e mobiliario e mellorada a xardinería. Como xa se ten informado, o proxecto terá en conta tanto a posibilidade dunha nova ampliación pola costado Oeste coma a de crear un novo acceso rodado dende a finca de propiedade municipal que hoxe alberga un invernadoiro.
A actuación no cemiterio é posible grazas á súa inclusión no Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. O investimento, de 206.000 euros, súmase o que xa fixo o concello nos últimos meses para a ampliación de nichos, respondendo así á demanda veciñal, e para a sinalización de nichos e panteóns.