EMPREGO
O Concello volve a apostar polas especialidades de carpintería e albanelería para o proxecto do FORME 23 O proxecto deseñado pola Concellería de Emprego do Concello de Vilagarcía para o obradoiro dual FORME 23 volve a incluír as especialidades formativas de “Traballos e instalacións de elementos de carpintería e moble” e de “Fábricas de albanelería e operacións auxiliares de revestimentos e acabados”. Estes módulos son os mesmos que os impartidos na edición anterior e repítense debido á demanda que deste tipo de profesións seguen tendo as empresas da zona. O proxecto vilagarcián pretende formar nestas modalidades a 20 persoas desempregadas (10 en cada módulo) durante un ano, período no que disporán dun contrato co Concello. O custe do obradoiro ascende a 563.000 euros.
15.05.2023.- O proxecto para a próxima edición do FORME será remitido á Consellería de Economía e Emprego da Xunta ao abeiro das axudas convocadas para o financiamento deste tipo de programas de fomento do emprego e de reinserción laboral. A suma solicitada en concepto de subvención ascende a 531.000 euros, aos que o Concello sumaría os 32.000 restantes para completar o orzamento.
O Obradoiro Dual de Emprego FORME está destinado á formación e mellora da empregabilidade de persoas desempregadas de 18 anos en diante. Durante os 12 meses de duración do obradoiro, os alumnos disporán dun contrato remunerado. Este tipo de programas mixtos de emprego e formación teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten aos alumnos e alumnas participantes a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente con dito traballo, procure a súa cualificación profesional e favoreza á súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.
As prácticas laborais realizaranas como complemento ás tarefas dos correspondentes servizos municipais e consistirán na elaboración e mantemento de mobiliario para a revalorización dos espazos públicos naturais e urbanos en instalacións e edificios de titularidade municipal no que á especialidade de carpintería se refire; así como na elaboración e acondicionamento de equipamentos e infraestruturas de albanelería en edificios e espazos públicos municipais, no que respeta á de albanelería.
Tras o remate dos 12 meses de formación, o alumnado obterá os certificados de cualificación profesional homologados que avalan a súa preparación ante as empresas contratantes. No caso do módulo de carpintería e moble conseguirán os certificados de profesionalidade de NIVEL 1 MAMD0209 e de NIVEL 2 MAMS010, así como o relativo ao Módulo profesional de lacados e vernizados MF0167_1, co que se complementa a formación. Pola súa banda, os alumnos e alumnas que superen a formación de albanelería e operacións auxiliares de revestimentos e acabados obterán os certificados de profesionalidade NIVEL 1 EOCB0109, NIVEL 1 EOCB0209 e NIVEL 2 EOCB0108.
Inicio o 1 de xullo
O Concello deberá esperar a que a Consellería de Economía e Emprego resolva a convocatoria das axudas para saber si, como vén acontecendo ano tras ano, aproba o financiamento para o proxecto vilagarciá. De ser o caso, iniciaríase o procedemento para a selección dos participantes a través do envío da correspondente oferta ao Servizo Público de Emprego, que é quen elabora a lista de candidatos entre as persoas inscritas nos seus listados como demandantes de emprego nas especialidades concretas que se solicitan. Recoméndase aos interesados que revisen e, de ser o caso, actualicen os seus perfís no Servizo Público de Emprego para poder participar na selección.