CONCELLO
O novo contrato do lixo incorpora contedores adaptados e mellora as ratios por distancia e número de habitantes A renovación de todo o sistema de contenerización da recollida de lixo previsto no novo contrato da concesión implicará outros beneficios neste apartado do servizo. A maiores da mellora estética pola homoxenización da imaxe da totalidade dos contedores para os distintos tipo de residuos (restos, envases lixeiros, papel-cartón) e a implantación do marrón para a materia orgánica, o novo contrato incorpora un importante número de colectores adaptados para persoas con diversidade funcional e mellorará de forma considerable as ratios por distancia e número de habitantes.
08.05.2023.- Como xa se sabe, a nova concesionaria do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria, Urbaser, comezará a prestar os servizos o vindeiro 18 de maio e a aplicar as melloras previstas no contrato de forma progresiva. A substitución da totalidade dos contedores (excepto os de vidro, que non son obxecto deste contrato) deberá estar completada no prazo máximo de catro meses e instalarse nas dúas semanas posteriores a terse recibido. O número total de depósitos amplíase: (haberá un total de 1000 unidades para a recollida convencional, 845 para envases lixeiros e 740 para papel e cartón), co que tamén melloran as ratios de número de habitantes por contedor.
Os novos modelos serán máis modernos e funcionais e aptos para ser utilizados por persoas con diversidade funcional, xa que as bocas para a introdución do lixo se sitúan a menor altura, de xeito que poidan ser utilizadas comodamente por persoas que necesiten desprazarse en cadeira de rodas, ou mesmo por nenos. O 25% dos contedores de resto e de materia orgánica estarán dotados de bocas accesibles, proporción que chega ao 100% dos colectores para a recollida de envases lixeiros e de papel-cartón.
Áreas de aportación multifluxo nas zonas urbanas
O sistema de recollida organizarase nas zonas urbanas mediante a creación das denominadas “áreas de aportación multifluxo”, é dicir, puntos compostos como mínimo por un contedor de resto, un de envases e un de papel. Nas zonas urbanas habilitarase como mínimo, un punto de recollida por cada 60 habitantes, e nelas, o 95% dos usuarios do servizo (vivendas e actividades económicas) deberán dispor dunha destas áreas a menos de 70 metros. Nas zonas peonís esta distancia podería verse alterada.
Reforzo da recollida de papel no rural e zonas peri urbanas
Nas zonas peri urbanas e do rural, establécese unha ratio mínima de 1 contedor de resto por cada 25 habitantes e 1 de papel-cartón por cada 122 veciños. Cómpre salientar que nestas zonas refórzase de xeito considerable a recollida de papel e cartón cunha maior presenza de medios para facilitar o seu depósito e posterior recollida.
Ademais, o 95% dos usuarios das zonas rurais e peri urbanas deberán contar cun colector para a recollida do lixo convencional a menos de 100 metros medidos en traxectos a pé, distancia que se fixa en 115 metros como máximo no caso da recollida de papel. Ademais, o contrato establece que a distancia a pé entre contedores non poderá ser maior aos 225 metros nas zonas onde existan vivendas ou actividades económicas.
Evitar riscos para a seguridade viaria
Os contedores estarán dotados de sistemas de suxeición ao chan que impedirán que poidan ser desprazados pola acción humana, por golpes de vehículos ou mesmo polos fortes ventos, evitando deste xeito os riscos que estas situacións supoñen en moitos casos para a seguridade viaria.
O servizo combinará contedores de carga lateral e de carga traseira que se distribuirán en función das características dos emprazamentos nos que se situarán e do tipo de camión que hai que utilizar en cada caso. Ademais, os modelos elixidos terán formas redondeadas e unha altura menor aos actuais, medida que facilita a visibilidade tanto dos peóns como dos condutores e tamén alixeira o impacto visual.
Contedores de madeira para as praias e móbiles para mercado e eventos Para dar servizo ás praias disporase de 40 contedores específicos que se repartirán en illas para a recollida segregada do lixo. Dado o medio natural no que se integrarán, estes colectores serán de madeira de pino con algún elemento de aluminio para identificar o tipo de residuos.
Igualmente, Urbaser disporá de contedores móbiles, de dúas rodas, para instalar puntualmente en feiras, mercados e outros eventos con obxectivo de facilitar o depósito dos residuos por parte dos usuarios ou do público e contribuír a manter o estado de limpeza e unha mellor imaxe da cidade. Tamén neste caso haberá colectores para os distintos tipos de residuos.
No marco dos criterios de sustentabilidade medioambiental que se seguiron na avaliación do contrato, todos os modelos dos que disporá o servizo están construídos con materiais aptos para ser reciclados ao final da súa vida útil.
Outra mellora a ter en conta é que todos os contedores estarán xeorerreferenciados mediante dispositivos de identificación automática, o que permitirá levar un control individualizado sobre todas as operacións realizadas.