CULTURA
O Clasclás regresa do 26 de xuño ao 1 de xullo con seis grandes concertos e o debut en España de Cello Republic A música clásica volve ao grande a Vilagarcía do 26 de xuño ao 1 de xullo cos concertos e actividades formativas e sociais do Clasclás. A sexta edición do Festival Internacional de Música Clásica de Vilagarcía de Arousa traerá este ano á cidade a grandes artistas nacionais e internacionais que ofrecerán seis concertos (cinco deles gratuítos) co obxectivo de divulgar e achegar a música clásica a toda a cidadanía. As formacións nacionais Cuarteto Quiroga, La Ritirata e Azahar Ensemble xunto co Guarneri Trio de Praga, Marek Kozák e Cello Republic, que ofrece en Vilagarcía a súa primeira actuación en España, compoñen o cartel do evento presentado este mediodía no Concello.
02.05.2023.- O alcalde de Vilagarcia, Alberto Varela, presidiu a presentación dos contidos dos distintos programas do Clasclás, acto ao que asistiron os concelleiros de Educación, Miro Serén, e de Cultura, Sonia Outón; as directoras técnicas do festival, Rosina Sobrido e Vladimira Smausova; o director da Escola Municipal de Música de Vilagarcía, Alberto Estévez; e o presidente da Sociedade Filarmónica, José Luis Sanz.
O programa artístico componse de seis grandes concertos, cinco dos cales son de carácter gratuíto, previa retirada de entrada a través de ataquilla.com.
Ciclo de concertos
Abrirá o ciclo o Trío Guarneri de Praga -que ostenta a dirección artística deste evento dende hai xa tres anos- cun concerto o luns 26 de xuño ás 21.00 horas no Auditorio. O Guarneri Trio de Praga é un dos tríos máis recoñecidos do mundo da música cunha impecable traxectoria que celebra xa 37años. Čeněk Pavlík (violín), Marek Jerie (cello) e Ivan Klánský (piano) interpretarán obras de Suk, Brahms y Schubert.
O martes 27, tamén ás 21.00 horas no Auditorio, tocará o xoven pianista checo Marek Kozák, que interpretará temas de J.S. Bach, F.Mendelssohn, Bartholdy e S. Rachmaninov, autor este que se homenaxeará con motivo do 150 aniversario do seu nacemento. O virtuoso intérprete de 28 años destacou en prestixiosos concursos (Geza Anda de Zúrich, Primavera de Praga, Concurso Europeo de Piano de Bremen, Busoni de Bolzano) e foi eloxiado pola súa técnica impecable, a súa ampla gama de expresión, a súa profunda musicalidade e fidelidade a la notación musical.
O martes 27 de xuño a música soará entre as pedras e xardíns centenarios do Pazo da Golpelleira a cargo do Azahar Ensemble. O quinteto español composto por Diego Aceña (frauta), María Alba Carmona (óboe), Antonio Lagares (trompa), María José García (fagot) e Miquel Ramos (clarinete) tocou nas salas de concertos e nos festivais máis importantes de Europa tras ser galardoados no Concurso Internacional ARD de Múnich (2014). Este é o único concerto para o que haberá que pagar entrada (23 euros máis custes de xestión) xa que ademais da música e a contorna das que poderán gozar os asistentes, tamén se ofrecerá un cóctel e un ágape. O programa desta actuación inclúe temas de W.A. Mozart, J.B. Foerster, M. Ravel e do español J. Turina.
La Ritirata é unha agrupación creada polo violoncelista Josetxu Obregón e especializada na interpretación de música histórica que desenvolve a súa labor por escenarios de Europa, América e Asia. O cuarteto é Premio de Cultura da Comunidade de Madrid 2017 e Premio Ojo Crítico de RNE 2013 na modalidade de música clásica. No concerto do día 29 de xuño no Auditorio de Vilagarcía interpretarán un espectáculo titulado “Il Spirito Brando”, con obras de G.A. Pandolfi Mealli, D. Graieli, G. Sanz, D. Ortiz, e A. Falconieri, entre outros, e onde a musica italiana cobra relevo.
O Cuarteto Quiroga será o protagonista do concerto do venres no Auditorio. Eloxiado polo New York Times polas súas “exquisitas e frescas interpretacións” a formación española está considerada como unhas das máis dinámicas e singulares da súa xeración e conta co Premio Nacional de Música de 2018. Aitor Hevia (violín), Cibrán Sierra (violín), Josep Puchades (viola) e Helena Poggio (violonchelo) compoñen a formación que para a ocasión interpretará obras de J. Haydn, B. Bartók e J. Brahms.
O concerto de clausura terá lugar o sábado 1 de xullo no Auditorio e correrá a cargo de Cello Republic, unha formación checa que debuta en España con este concerto en Vilagarcía. Laureados en concursos de violonchelo, estes mozos fixéronse famosos en todo o mundo polos seus concertos e por YouTube. Milleiros de persoas de todo o mundo teñen xa gozado da súa mestura de virtuosismo, arranxos de altísima calidade e boas doses de humor. Ademais, no seu repertorio inclúen tanto pezas clásicas como versións de temas da música popular actual, como de musicais de Broadway, de Frank Sinatra ou de Freddy Mercury, entre outros.
Formación da man dos mellores mestres e vertente social
Ademais do programa artístico, o Clasclás ofrecerá o Programa de Masterclasses que os artistas das formacións que ofrecen os concertos impartirán a estudantes do Conservatorio Profesional de Música de Vilagarcía e doutros centros de Galicia, que deste xeito poden complementar a súa formación da man de mestres de recoñecido prestixio nacional e internacional. Unha selección de alumnos participantes no programa educativo actuará xunto ao Guarneri Trio de Praga el 1 de xullo no Pazo de Rubianes de Vilagarcía (12 horas). Previamente haberá una visita al emblemático espazo (11 horas) e posteriormente unha degustación de viño. As entradas estarán á venta en pazoderubianes.com.
E por último, e non menos importante, o Clasclás desenvolverá tamén o seu característico Programa Social e Comunitario, ofrecendo un concerto o 29 de xuño ao que asistirán 400 espectadores de 20 asociacións de persoas con capacidades diferentes e que correrá a cargo da Orquestra do Conservatorio Profesional de Música de Vilagarcía de Arousa.
E o “Clasclás a pé de rúa” encherá de música a localidade os días 24 e 25 de xuño como preámbulo do festival coa participación do alumnado e profesorado da Escola Municipal de Música e do Conservatorio de Vilagarcía. que actuarán en diferentes prazas e espazos de interese cultural.
“Un evento único e singular do que nos sentimos orgullosos”
O alcalde felicitou á organización por esta nova edición do Clasclás asegurando que é un evento “do que os vilagarciáns nos sentimos especialmente orgullosos e que, ano tras ano converte a Vilagarcía na capital da música clásica de Galicia”. Alberto Varela incidiu na fórmula que confire a este Festival Internacional de Música Clásica a súa orixinalidade e é garantía do seu éxito: “O seu afán de democratizar o acceso e goce da música clásica, con concertos gratuítos da máxima calidade e protagonizados por músicos de primeiro nivel; a súa vertente social para achegar este fermoso arte a todo tipo de públicos; e o seu proxecto educativo, que busca fomentar o ensino musical e a creación de novos intérpretes”.