_ Buzón do Alcalde Trámites Administrativos Turismo Enlaces
4O CONCELLO
:VILAGARCÍA TURISMO:
_LA CIUDAD
_THE CITY
voluntariadogalego.org
voluntariadogalego.org
CONCELLO
As melloras na recollida de lixo e a limpeza viaria comezarán a aplicarse de forma progresiva a partir do 18 de maio

O 18 de maio é o día sinalado para que a nova adxudicataria do servizos de recollida de lixo e de limpeza viaria do Concello de Vilagarcía, Urbaser, tome o relevo a Prezero (a antiga Cespa). A entrada en vigor do novo contrato da concesión suporá un enorme salto cualitativo nestas dúas prestacións, que ademais de ampliarse e mellorarse, se complementan coa creación de novos servizos adaptados ás necesidades actuais do municipio e aos criterios medioambientais e de sustentabilidade que esixe a normativa europea para unha cidade do século XXI. Dada a dimensión dos cambios a realizar, todas as melloras iranse introducindo de forma progresiva e seguindo un cronograma previamente establecido. En calquera caso, o contrato debe estar en plena execución no prazo de 9 meses.
29.04.2023.- A posta en marcha do novo contrato de “Contenerización, recollida e transporte de residuos, xestión do Punto Limpo e Limpeza viaria de Vilagarcía de Arousa” arranca unha vez completado o proceso de subrogación por parte de Urbaser do persoal da anterior concesionaria, así como traspaso dos medios materiais propiedade do Concello.

Como xa se sabe, o novo contrato supón a completa renovación do parque móbil e da maquinaria que Urbaser utilizará para a prestación dos servizos, así como a substitución de todos os contedores (excepto os de vidro) por modelos máis modernos e funcionais. Dada a envergadura destas operacións, os cambios realizaranse de xeito progresivo. A recollida de lixo comezará a funcionar co material preexistente no Concello e maquinaria da empresa, todo o cal irase substituíndo polos vehículos e maquinaria nova a medida que vaian sendo subministrados polas firmas ás que son adquiridos por Urbaser. En calquera caso, o parque móbil e a maquinaria deberá estar incorporada por completo aos servizos no prazo máximo de 9 meses.

2.585 novos contedores

O proceso de substitución dos contedores do lixo nas súas diferentes tipoloxías en base a cada tipo de residuo tamén se realizará de forma progresiva, aínda que nun prazo máis breve, xa que os novos colectores deberán recibirse no prazo máximo de 4 meses e instalarse nas dúas semanas posteriores a terse recibido. O número total de contedores amplíase (en total haberá 1000 unidades para a recollida convencional, 845 para envases lixeiros e 740 para papel e cartón), co que tamén melloran as ratios de número de habitantes por contedor.

Recollida todos os días da semana nas zonas urbanas con actividade hostaleira
Así as cousas, as melloras que se aplicarán dende o principio que se farán notar na prestación do servizo e na imaxe da cidade serán as relativas á ampliación das frecuencias da recollida de residuos e da limpeza viaria. No que á recollida se refire, nas tres rutas establecidas nos núcleos urbanos, o servizo convencional (o do contedor verde) prestarase nas zonas con gran actividade hostaleira 7 días á semana (un máis que ata o de agora), quedando en 6 días no resto de áreas urbanas. Nas zonas rurais e periurbanas os camións pasarán 3 días á semana.

Urbaser prestará a recollida de envases lixeiros e papel-cartón mediante subcontrata con Coregal, a cooperativa que xa viña desempeñando as labores. O servizo farase 2 días á semana tanto nas zonas urbanas como no rural, ampliándose un día máis (serán 3 por semana) nos meses de xullo e agosto. E no que ao papel-cartón se refire, o baleirado dos contedores das zonas urbanas farase 1 día á semana en inverno e 2 en verán (o dobre que na actualidade), e 1 día á semana no rural.

Unha das melloras máis destacables da ampliación de frecuencias é a relativa aos residuos voluminosos. O servizo, que ata o de agora se prestaba de forma ordinaria 2 días ao mes ampliado con algunha recollida extraordinaria a maiores, pasará a realizarse por norma xeral e de forma estable 5 días á semana (de luns a venres). Habilitarase un teléfono e medios dixitais (unha app) para aviso por parte da cidadanía dos que se informará proximamente.

Impulsar a recollida segregada de residuos

O contrato inclúe tamén a creación de novos servizos, cunha forte aposta por mellorar a recollida selectiva ou segregada. Para isto implantarase a recollida diferenciada da materia orgánica ou biorresidos, coa posta en marcha dun servizo de recollida para grandes produtores (comedores escolares, restaurantes, hoteis, supermercados, bares…) e un plan piloto destinado á cidadanía en xeral. Ámbolos dous deberán estar en marcha dentro dos seguintes 9 meses. Tamén se ofrecerá un servizo semanal de recollida de restos de podas e se crearan tres puntos de compostaxe comunitario.

Ademais, porase en funcionamento un servizo de recollida de cartón comercial porta por porta, para evitar a acumulación de caixas e embalaxes procedentes de establecementos comerciais nos contedores de uso cidadá distribuídos polas rúas.

Intensificación da limpeza manual e mecánica nas praias

No bloque de limpeza viaria destaca especialmente a limpeza de praias, xa que o novo contrato entra en vigor case ao mesmo tempo que se inicia a tempada de baño. A limpeza manual dos areais farase 3, 5 e 7 días á semana en tempada baixa, media e alta respectivamente, complementándose con medios mecánicos, cunha periodicidade de 3, 6 e 7 días en función da época do ano. A praia canina limparase durante todo o ano e ofrecerase un servizo de recollida de algas.

No apartado de limpeza viaria destaca o reforzo das actuacións, principalmente en tempada alta, cando se porá en marcha un novo servizo de repaso en horario de tarde. Outros aspectos a salientar son o emprego de triciclos eléctricos para o desprazamento dos peóns de limpeza, ou a incorporación de sopradoras de alto rendemento e baixa emisión acústica ou o emprego dun equipo eléctrico para a eliminación de chicles, entre outros.

Importantes son tamén as prestacións do servizo de desbroce de cunetas, solares e vías públicas, que se intensifican e para o cal Urbaser porá a disposición do servizo maquinaria específica.

Papeleiras infantís, para chicles e excrementos caninos

O contrato que entra en vigor o 18 de maio inclúe ambicioso plan de instalación de papeleiras, elementos que se renovarán e ampliarán, apostando por un modelo de alto valor estético e incluíndo papaleiras específicas para chicles, dispensadores de bolsas para excrementos caninos e papeleiras con temática infantil para as zonas de xogos dos parques.

Urbaser xestionará tamén o Punto Limpo de Pinar do Rei que amplía horario de apertura pasando das 28 horas semanas actuais ás 37,5 , de xeito que os usuarios teñan máis doado facer uso do servizo. Nas propias instalacións crearase un Punto de Reparación e Reutilización de aparellos eléctricos e electrónicos, mobles e enxoval do fogar. Ademais, poranse en marcha os puntos limpos móbiles informatizados e rotatorios para ofrecer un servizo de proximidade que facilite a segregación dos residuos para a súa correcta xestión e reciclado.

O contrato máis importante do Concello

O contrato de “Contenerización, recollida e transporte de residuos, xestión do Punto Limpo e limpeza viaria de Vilagarcía de Arousa”, é o contrato máis importante do Concello, tanto polo importe económico como pola repercusión na cidade e na veciñanza. Cun investimento superior aos 5,8 millóns de euros anuais e unha duración de 8 anos, as melloras do novo contrato resúmense na renovación dos contedores para todo tipo de residuos, na renovación de toda a maquinaria e o parque móbil dos servizos, a aposta pola máxima segregación da recollida de lixo -coa implantación da recollida da fracción orgánica-, no aumento das accións de limpeza viaria e no desenvolvemento de accións formativas e potentes campañas de comunicación. Todo isto traballando baixo os criterios de economía circular, cun maior coidado do medio ambiente e dando cumprimento á Ley de Residuos e solos contaminantes e ao marcado na Axenda Urbana 2030.
4Participación CIDADÁ
_Escribe o teu ALCALDE
_Regulamento de Particip.
_Queixas e Suxestións
Trámites Administrativos
  Municipais / No Municipais
»
4DÍA A DÍA
    Abr 2024  
L
M
X
J
V
S
D
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
         
Congreso Vai de Rúas 2022
P.X.O.M.
voluntariadogalego.org


[Inicio] [Información Turistica] [Trámites Administrativos] [Ordenanzas] [Taboleiro de anuncios] [Buzón de Suxestións]
[Novas Concello] [Axenda Cultural] [Revista Municipal] [Plan Xeral de Urbanismo] [Vilagarcía en cifras]
[Gabinete de Comunicación] [Postales] [Mapa e Rueiro] [Enlaces] [Contacto]

© 2024. Concello de Vilagarcía de Arousa
Praza Ravella, n° 1. 36000 - Vilagarcía de Arousa
- Aviso Legal - Créditos -