OBRAS E SERVIZOS
Descuberta en Rosalía de Castro a canalización dun regato obturada dende hai anos por metros de raíces A Concellería de Obras e Servizos do Concello de Vilagarcía está a desenvolver varias actuacións no marco do plan de mantemento e mellora do servizo municipal de saneamento. Froito dunha destas actuacións, a semana pasada descubriuse a canalización dun regato que baixa da zona de Trabanca Sardiñeira cara a avenida Rosalía de Castro que se atopaba totalmente obturada por raíces. Esta situación parece remontarse a varios anos atrás, a xulgar pola cantidade de material retirado do interior da condución, sendo posible que sexa unha das causas polas que cando chove de forma intensa a rúa se anegue con tanta facilidade á altura do parque da praia da Compostela, xa que a auga que baixa polo regato soterrado non atopaba saída ao mar polo que aflora cara a superficie.
21.03.2023.- O descubrimento deste regato canalizado baixo terra produciuse cando os operarios de Obras acudiron á arranxar un afundimento da rúa que comunica a avenida Rosalía de Castro co paseo marítimo (fronte o Museo do Ferrocarril) e viron que a causa fora a erosión provocada pola auga que fluía dunha tubaxe de pluviais rota dende dentro polo crecemento de raíces. Ao intentar desatascar o punto en concreto, os traballadores atopáronse con que o groso rolo de raíces que obturaba os 60 centímetros de diámetro do tubo se estendía ao longo duns 10 metros de canalización. O material retirado con bastante esforzo tiña a forma dunha longa, grosa e pesada serpe que impedía a normal circulación da auga.
Traballos en xornada de mañá e tarde
Unha vez desatascada a condución procedeuse a substituír o tramo que estaba completamente roto e estanse a revisar outros 200 metros da rede de pluviais que discorre cara a zona do balneario da Compostela e coa que conectaba a canalización do regato. Para a limpeza da rede de pluviais os operarios contan co apoio dun camión aspersor e unha cisterna de Emerxencias. Os traballos comezaron o pasado xoves e estanse desenvolvendo en horario de mañá e tarde co obxectivo de rematalos cantos antes, previsiblemente esta mesma semana. Posteriormente, reporase o firme e asfaltarase a zona afectada polas obras. Xunto con estas labores procedeuse acondicionar os pozos de rexistro e un tramo da rede de saneamento da mesma zona pola que discorría a canalización obturada e que tamén se atopaba en mal estado.
Neste mesmo plano de actuación de mantemento e mellora do saneamento público, o Concello tamén executou nas últimas semanas a renovación dun tramo da rede de augas residuais no último tramo da rúa Rafael Pazos, en Vilaxoán, e outro na Rúa Arousa, na zona da Lomba. Neste último caso, os traballos foron complicados debido á profundidade pola que discorría a canalización, sendo preciso repoñer uns 20 metros de tubaxe. O pavimento en Rafael Pazos xa se repuxo e o asfaltado da rúa Arousa farase nos vindeiros días.