CULTURA
Vilagarcía comparte con Viena, Budapest e Sofía a sede do New Millenium International Chamber, que se celebra en abril Si Vilagarcía xa se tiña convertido nun referente da música clásica grazas ao Clasclás, un novo festival desembarca en abril na cidade para consolidar e dar pulo a esta merecida etiqueta. Trátase do New Millenium Internationat Chamber Music Festival, evento que chega a Vilagarcía da man da Sociedade Filarmónica a través do programa Erasmus+ financiado pola Unión Europea. O certame, creado e dirixido pola recoñecida pianista coreana Miranda Liu, sitúa a Vilagarcía á altura de Viena, Budapest ou Sofía, as grandes cidades europeas coas que a capital arousá comparte a sede do NMICMF. Catro concertos e un completo programa de master class celebraranse en distintos espazos de Vilagarcía do 3 ao 7 de abril.
01.03.2023.- O NMICMF presentouse este mediodía no Concello nun acto que contou coa presenza da concelleira de Cultura, Sonia Outón; o presidente da SFV, José Luis Sanz; o director musical da asociación, Pablo Vidal e; por vídeo conferencia, da directora artística Miranda Liu, que fixo gala dun perfecto español. O festival finánciase con fondos europeos e da propia SFV, colaborando o Concello coa posta a disposición do Auditorio, o Salón García e outras dependencias municipais para a celebración dos concertos e das master class.
Artistas principais
A directora do festival, Miranda Liu, encabeza o equipo dos oito artistas principais que participarán no New Millenium de Vilagarcía para ofrecer concertos e dar as máster class aos músicos noveis. Trátase dunha lista de músicos que xa contan cunha relevante traxectoria en formacións de todo o mundo, con moitos premios no seu haber e cun gran recoñecemento internacional. No apartado de violín, ademais de Miranda Liu, está Vlad Stanculeasa. Mathiu Herzog e a galega Inés Picado compoñen o dúo de viola e Kyril Zlotnikov aporta o cello. A frauta soará grazas ao virtuosismo de Adriana Ferreira e o clarinete do galego Darío Mariño. Por último, Georgy Tchaidze sentarase fronte ao piano.
Todos eles serán os encargados de trasladar os seus coñecementos aos músicos noveis becados polo Erasmus para participar nesta iniciativa cultural, didáctica e formativa.
O programa
Mércores 5 de abrilo-20.30 horas Auditorio de Vilagarcía Concerto inaugural. Obras de Beethoven e Brahms Entrada de balde
Xoves 6 de abril- 20.30 horas Pazo de Rubianes Obras de Britten, Ginaster e Mozart Entrada 26 euros en http://www.pazoderubianes.com (inclúe ágape)
Venres 7 de abril- 12.30 horas Salón garcía Cuartetos de corda Entrada de balde
Venres 7 de abril- 20.30 horas Pazo O Castriño Concerto de clausura. Obras de Beethoven e Tchaikovsky Exclusivo para socios da SFV
Miranda Liu
Pese a ter só 26 anos, Miranda Liu xa ten recibido numerosas becas e premios. Participou en concertos como solista, músico de cámara e concertina en Europa, EE.UU e China e actúa regularmente en prestixiosos festivais de todo o mundo. Traballa nun repertorio extenso e amplo cos pedagogos musicais máis recoñecidos e entre os seus mentores figuran András Keller e Miklós Perényi. Liu é unha das xóvenes violinistas clásicas máis emocionantes da actualidade. Toca un violín construído por Nicoló Amati en Cremona en 1676 e outro feito especialmente para ela en 2014 por Samuel Zygmuntowicz en Nova Iorque. Eloxiada polo público e a crítica pola súa técnica “perfecta, brillante e sorprendente”, foi cualificada como “unha das xóvenes violinistas clásicas máis emocionantes da actualidade”.