SERVIZOS SOCIAIS
Vilagarcía reforza o servizo de Atención Temperá da UDIAF cunha subvención e a cesión dun segundo local Co obxectivo de consolidar o servizo de Atención temperá que a Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar presta en Vilagarcía para todos os municipios da comarca, o Concello ven de reforzar a súa colaboración coa entidade mediante apoio económico e loxístico. A través da Concellería de Servizos Sociais vénse de conceder una subvención nominativa por importe de 1.200 euros ao colectivo e, ampliando a colaboración preexistente xa dende hai anos coa cesión en uso dun local no centro socio comunitario do Ramal, agora o Concello pon a súa disposición as segundas dependencias nestas mesmas instalacións municipais.
28.02.2023.- A Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar da Comarca do Salnés, dependente da Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT), ten como obxectivo dar cobertura social ás familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos de idades que presentan problemas ou situacións de risco para o seu normal desenvolvemento. Para resolver, diagnosticar ou tratar con éxito estas problemáticas é de vital importancia a atención temperá, aspecto do que se encarga a unidade que opera xa dende hai anos en Vilagarcía e dá servizo a os nove municipios do Salnés.
No marco das subvencións de carácter nominativo que o Concello de Vilagarcía concede anualmente a organizacións e colectivos de interese social e sen ánimo de lucro que desenvolven a súa labor no municipio, a Concellería de Servizos Sociais vén de incluír na lista á UDIAF, atendendo ao interese público e social da labor que realiza. A axuda de 1.200 euros concédese para contribuír ao financiamento das actividades que o servizo presta nas instalacións vilagarciás e que, en diante, poderán realizar en mellores condicións e incluso ampliar, grazas á cesión de uso dese segundo local.
O servizo dispón de profesionais con formación en desenvolvemento infantil e apoio familiar que cobren as áreas propias da atención temperá: psicóloga/coordinadora da UDIAF, especialista en desenvolvemento infantil-psicomotricista, logopeda. Entre as súas funcións están a acollida, valoración evolutiva e intervención interdisciplinaria dos nenos de 0 a 6 anos con trastornos ou situacións vulnerables do desenvolvemento; a aplicación integrada de técnicas relacionais, de estimulación, psicomotricidade, logopedia e psicoterapia; así como o apoio emocional, social, informativo e formativo á familia relacionado coa información diagnóstica ou co trastorno do desenvolvemento. Tamén realizan labores informativas, de orientación e apoio relacionado co desenvolvemento persoal e as necesidades cotiáns e de orientación ás familias sobre apoios económicos, sanitarios, educativos e sociais. Por último, encárganse da coordinación cos recursos sanitarios, educativos e sociais e apoio ás escolas infantís de primeiro e segundo ciclo, así como de traballar na sensibilización do contorno comunitario respecto da comprensión do neno con trastornos no desenvolvemento.
A Unidade de Atención Temperá ten a súa sede no Edificio da Antiga Aduana (Avda. Rosalía de Castro, 24) e funciona de luns a xoves en horario de inverno de 9 a 14 horas e de 16 a 19 horas, e os venres de 9 a 14 horas.