CULTURA
Dúas obras de teatro e un espectáculo de danza compoñen a programación da Rede Galega para o Auditorio vilagarcián A programación do Auditorio Municipal para os primeiros meses do ano incluirá tres espectáculos a través da colaboración que manteñen o Concello de Vilagarcía e a Agadic. Nesta ocasión serán dúas obras de teatro, as últimas montaxes das compañías Ibuprofeno e de Ste Xeito, e un espectáculo de danza a cargo da Nova Galega de Danza que ademais opta aos Premios Max das Artes Escénicas en dúas categorías. Como nos convenios anteriores, as entradas para asistir ás funcións programadas a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios teñen un prezo reducido de 5 euros, ofertando o Concello bonificacións especiais para xóvenes, persoas maiores e desempregados.
31.01.2023.- A primeira das representacións será a que ofreza Ibuprofeno Teatro o 11 de febreiro ás 20.30 horas. Trátase de “Smoke on the water”, unha traxicomedia sórdida con música en directo dirixida por Santiago Cortegoso e protagonizada polo vilagarcián Josito Porto, xunto con Belén Constenla, Adrián Ríos e María Costas, ademais do músico Mon Orencio.
A segunda obra de teatro que se porá en escena a través da Rede Galega será “BACKUP. A resurrección de Nuno”, que a compañía De Ste Xeito representará o 4 de marzo baixo á dirección de Pilar C. Almanzam e un elenco composto por Pepa Barreiro, Sergio Macías, Stephy Llaryora, Xurxo Cortázar, Nadia Doménech y Anxo Outumuro. O ciclo péchase co 29 de abril con “Leira”, da compañía Nova Galega de Danza. A danza contemporánea brilla con todo o seu fulgor neste espectáculo protagonizado polos bailaríns Iván Villar e Pablo Sánchez, e nos papeis femininos por Estefanía Gómez e Inés Vieites. Coa dirección artística de Jaime Pablo Díaz e as coreografías de Iker Gómez e Jaime Pablo Díaz, conta coa música orixinal composta por Sergio Moure de Oteyza e o atractivo dunha interpretación vocal en directo a cargo da cantante Rosa Cedrón.
As entradas para asistir a estes espectáculos pódense adquirir de forma anticipada a través de http://www.ataquilla.com (máis custes de xestión). De non esgotarse, tamén se poderán adquirir o mesmo día da función na billeteira do Auditorio dende dúas horas antes do inicio do espectáculo. A programación conveniada a través da Rede Galega de Teatros e Auditorio está cofinanciada entre o Concello de Vilagarcía e a Agadic. Os tres espectáculos incluídos neste convenio teñen un custe total de 19.000 euros, dos que a administración financia un 50% no caso das obras de teatro e o 30% no do espectáculo de danza.