MULLER
Igualdade organiza un obradoiro gratuítos de regueifas e outro sobre autoras literarias esquecidas No marco da Semana de Muller e Cultura que cada ano organiza a Área de Igualdade do Concello de Vilagarcía celebraranse os días 7 e 8 de outubro dous interesantes obradoiros gratuítos e destinados a todo tipo de persoas de 12 anos en diante. Trátase dun obradoiro de regueifas e outro sobre autoras literarias esquecidas pola historia. O prazo de inscrición iníciase o luns, 26 de setembro e estará aberto ata o 5 de outubro ou ata as prazas dispoñibles, 20 para o de creadoras literarias, e 50 para o de regueifas. As inscricións deben realizarse de forma presencial levando ás dependencias da Área de Igualdade o formulario cuberto que se pode recoller alí mesmo ou imprimir dende o taboleiro de anuncio da web municipal.
23.09.2022.- A semana Muller e Cultura finánciase a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e este ano ten como obxectivo facer visibles e poñer de relevo ás mulleres poetas, así como poñer de manifesto as situacións específicas ás que se ven abocadas as mulleres neste xénero.
O obradoiro “A maleta azul dos libros raros: as mulleres esquecidas” versará sobre autoras descoñecidas, borradas ou silenciadas, cuxa vida e obra se amosará para dar a coñecer ás escritoras que quedaron esquecidas no tempo. Celebrarase o venres 7 de outubro de 17.00 a 18.00 horas no seminario nº1 do Auditorio e será impartido pola escritora e filóloga Emma Pedreira.
O Obradoiro didáctico de regueifa rescata a tradición oral galega para explicar de onde ven a regueifa, o seu significado e a improvisación polo mundo, ademais de ensinar a construír coplas. Terá lugar o sábado 8 de outubro de 12.00 a 13.30 horas na sala de conferencias do Auditorio. A profesora desta actividade será Lupe Blanco, pandereteira dende nena e regueifeira en lembranza do seu bisavó, o “padriño” da regueifa de Bergantiños. creadora da páxina “Regueifandopolavida” e da primeira “Escola de regueifeiras” na Fundación Eduardo Pondal. Primeiro premio dos “Premios Galegos da Regueifa” deste ano e mellor regueifeira galega.
Os menores de 16 anos que desexen participar nos obradoiros deberán presentar documento acreditativo da autorización asinado pola nai/pai ou representación legal.