CULTURA
O Delorean de “regreso ao futuro” exporase en Vilagarcía con motivo do festival CURTAS O Delorean da película “Regreso al futuro” exporase en Vilagarcía no mes de outubro coincidindo coa celebración do CURTAS o Festival do Imaxinario de Vilagarcía. O mítico coche no que Doc fai que Marty McFly viaxe no tempo permanecerá os días 21 e 22 de outubro na rúa Alcalde Rey Daviña onde todo o que queira poderá fotografarse con el como se fora o protagonista da popular saga cinematográfica dirixida por Robert Zemeckis e á que o CURTAS dedica a edición deste ano.
22.09.2022.- Dende que Marty McFly viaxou ao 21 de outubro de 2015 na segunda entrega de "Regreso al Futuro", ese día converteuse no elixido para celebrar esta icónica saga en todo o mundo. CURTAS Festival do Imaxinario celebrará a súa 50 edición do 21 ao 30 de outubro de 2022. ¿Coincidencia? Pode que si, pode que non. Pero o certo é que non se podía deixar pasar a ocasión, e por tal motivo o leit motiv do festival deste ano serán as viaxes no tempo, coa saga "Regreso al Futuro" como eixo central dunha viaxe a través dos derradeiros 50 anos do cinema fantástico.
O cartel, obra por segundo ano consecutivo do artista arxentino Flavio Greco, presenta a celebración destes cincuenta anos cunha nutrida selección de robots e androides cinematográficos reunidos na contorna do Convento de Vista Alegre de Vilagarcía, e como centro da celebración, Maria, de "Metrópolis", e Ava, de "Ex Machina", chegando á celebración nun Delorean. "
CELEBRANDO O CINEMA FANTÁSTICO
Dentro das celebracións dos 50 anos do Festival do Imaxinario exhibiranse diversos títulos entre os que destaca a proxección de "Nosferatu" que, con motivo do seu centenario será musicada en directo polo quinteto Caspervek, que tradicionalmente está presente no festival para facernos vibrar coas súas composicións.
Para pechar o festival, CURTAS Festival do Imaxinario proxectará un dos títulos máis representativos do musical fantástico, "The Rocky Horror Picture Show", que contará coa participación da compañía madrileña Dramakuin, cuxos membros, coa película como pano de fondo, irán caracterizados como os personaxes para recrear os números musicais diante da pantalla e coa participación do público transformando o show nunha gran festa.
EXPO AO FUTURO
As exposicións de CURTAS Festival do Imaxinario son uno dos grandes atractivos do festival. E este ano, co leit motiv do festival non podíamos deixar de presentar unha das maiores coleccións da saga de Europa e a maior de España.
Unha gran colección, que inclúe máis de 400 obxectos, roupa dos personaxes, merchandising, autógrafos, props "screen accurate" (idénticos aos vistos en pantalla) e por suposto, algunhas pezas orixinais da saga e outras rarezas.
Ademais, Pedro Torromé, fundador de Regreso al futuro SPAIN, a maior comunidade fan en España da saga, presentarannos a súa Masterclass "Esto es muy fuerte Doc", onde en hora e media, afondará nas curiosidades da famosa triloxía, que tamén inclúe un concurso con agasallos.
Colaboración na loita contra o Párkinson
Pedro é tamén o embaixador en España de Team Fox, a fundación contra o Párkinson creada por Michael J. Fox e a súa vez, tamén é membro da Asociación Internacional 88mph, a cal ten delegacións en Francia, Xapón, Arxentina e España. Con estas accións Curtas Festival do Imaxinario colaborará con Team Fox na loita contra este trastorno neuro dexenerativo que afecta ao sistema nervioso de maneira crónica e progresiva.
EXPO “LA GUERRA DE LOS MUNDOS”
Javier Olivares e Santiago García –gañadores do Premio Nacional do Cómic en 2015– achegan a súa visión da Guerra dos Mundos na súa segunda adaptación literaria. A exposición amosa as diferentes partes do proceso gráfico de Javier Olivares sobre a aproximación que fan á obra de H. G. Wells e aos tráxicos ecos que desgraciadamente resoan deste título na actualidade.
EXPO A ARTE DE PACO ROCA Esta mostra fai un percorrido pola obra de Paco Roca (Valencia, 1969), galardoado autor de banda deseñada (Premio Nacional do Cómic 2008, o Goya ao mellor guión adaptado por "Arrugas" en 2011, o Excellence Award de Xapón, o Inkpot Award na Cómic-Con de San Diego en 2019, o Eisner 2020 á mellor obra estranxeira, ou Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes 2021 do Ministerio de Cultura, entre outros). Algunhas das súas obras foron levadas ao cinema, como é o caso de "Arrugas" (Ignacio Ferreras, 2011), "Memorias de un hombre en pijama" ou "El tesoro del Cisne Negro", dirixida por Alejandro Amenábar en 2021.
EXPO THE CARICATURE HORROR EXHIBITION SHOW Os membros da Asociación Española de Caricaturistas preséntannos unha sentida homenaxe a través da caricatura a algunhas das personalidades máis representativas do cinema de terror e ciencia ficción
EXPO "FLAVIO GRECO: ILUSTRANDO O CINEMA" Unha exposición repasando o abraiante traballo deste ilustrador arxentino, autor do póster de CURTAS dende 2021, relacionado con festivais e producións cinematográficas de xénero fantástico.
PRIMEROS INVITADOS CONFIRMADOS
MICK GARRIS, (Santa Mónica, California). Director e guionista estadounidense coñecido polas súas adaptacións ao cinema e á televisión das historias de Stephen King, como "Sonámbulos", "Apocalipsis", "El Resplandor", "Riding the Bullet", ou "La Maldición de Dark Lake", xunto a outros títulos como "Critters 2", "Psicosis IV", "Nightmare Cinema", "Historias Asombrosas", "Historias de la Cripta" e por ser o creador da serie de televisión "Masters of Horror".
DAVE MCKEAN (Maidenhead, Inglaterra). É un dos máis renomeados ilustradores e deseñadores de Gran Bretaña e o mundo enteiro, ademais de director cinematográfico. Colaborou con Neil Gaiman en obras como "Casos Violentos", "Orquídea Negra", "Signal To Noise", "Mr. Punch" e todas as portadas da famosa "The Sandman". Neste rubro destácase tamén a creación de "Batman: Arkham Asylum", xunto a Grant Morrison.
LONE FLEMING (Aarhus, Dinamarca). Actriz, directora e escritora con máis de 40 películas, moitas delas rodadas en España e relacionadas co xénero fantástico como "La Noche del Terror Ciego", dirixida polo galego Amando de Osorio, "Viaje al Centro de la Tierra" de Juan Piquer Simón, ou "Una Vela para el Diablo" de Eugenio Martín.