CONCELLO
O Pleno aborda un cambio no uso dos remanentes para priorizar a demolición da Comandancia e a obra do skate park O goberno local de Vilagarcía someterá á aprobación do Pleno da semana que ven un cambio de uso en parte dos remanentes do orzamento do ano pasado co obxectivo de priorizar dúas importantes obras: a demolición do edificio da antiga Comandancia e a construción do skate park do Cavadelo. A medida adóptase ante a necesidade de complementar as partidas xa reservadas para cada unha das actuacións ao quedar escasas debido ao incremento dos prezos de materiais e servizos, xa que dispor dos orzamentos completos é un condicionante legal necesario sen o cal as obras non se poden sacar a licitación, algo que o goberno desexa acelerar, en especial no que se refire á construción do futuro centro de saúde nos terreos que ocupa a antiga Comandancia da Mariña.
22.09.2022.- A partida dos remanentes a modificar son os 200.000 euros que se tiñan destinado inicialmente á demolición das naves do Ramal. Como o obxectivo é priorizar os proxectos xa en proceso (o da Comandancia está listo para ser licitado e o do skate park, que xa o fora, terá que repetir o proceso ao quedar deserto polo desaxuste dos prezos), o derribo das edificacións do Ramal financiarase con cargo aos orzamentos do ano que vén.
O Concello xa tiña consignados 200.000 euros de fondos propios obtidos a través do préstamo deste ano para a demolición da Comandancia, aos que lle sumarán 49.691 euros máis do remanente para completar o orzamento necesario. En canto á obra de remodelación do parque urbano do Cavadelo e a construción do skate park, dispoñíanse dos 309.426 correspondentes ao Plan Concellos, aos que agora hai que sumarlle 65.340 euros máis debido ao incremento de prezos dos materiais.
No que ao guindastre para a Policía Local se refire, un equipamento necesario para cuxa adquisición se están rematando de redactar os pregos, aos 85.000 euros dispoñibles se lle engaden 12.00 máis dos remanentes. Estas tres actuacións absorberán 127.032 euros da partida a modificar dos remanentes, polo que os restantes 72.968 destinaranse a complementar pequenos custes dos orzamentos de servizos como Administración Xeral, Turismo, Emerxencias, Cultura e de algunhas obras.