CONCELLO
A Mesa de Mobilidade “Velaivai!” ábrese a todos os colectivos e veciños que desexen aportar ideas ao PMUS Os actos programados polo Concello de Vilagarcía para celebrar a Semana Europea da Mobilidade chegan mañá, venres 23 de setembro, ao seu fin, e o fan con dúas actividades moi interesantes e que reunirán a un importante número de persoas. A primeira, pola mañá, será a Festa da Bicicleta na que participarán máis de 800 estudantes do municipio, e a segunda unha sesión da Mesa de Mobilidade Velaívai! creada no marco do proceso de participación cidadá aberto para a elaboración do Plan de Mobilidade Urbana e Sostible (PMUS) no que está a traballar o Concello e que reunirá a todos os axentes económicos e sociais que desexen trasladar propostas en materia de mobilidade para sexan recolleidas no documento que definirá as actuacións a desenvolver nos vindeiros anos en Vilagarcía en materia de mobilidade.
22.09.2022.- A última xornada da Semana da Mobilidade comezará cunha actividade multitudinaria na que participarán máis de 800 estudantes de Primaria e Secundaria dos centros educativos do municipio. Organizada por La Voz de Galicia coa colaboración do Concello de Vilagarcía, trátase da Festa da Bicicleta, un acto que comezará ás 10.30 da mañá, hora á que os grupos iniciarán a marcha en bicicleta dende os seus respectivos centros educativos para dirixirse pedaleando ata a Praza da II República. A chegada e reunión dos participantes de todos os colexios e institutos está prevista para ás 11 da mañá, aproximadamente, hora á que comezará a festa propiamente dita. O alcalde e a concelleira de Mobilidade recibirán ás delegacións de cada centro a medida que vaian chegando. A festa estará animada musicalmente pola Duendeneta e n o transcurso da mesma sortearase diverso material e accesorios para a bicicleta entre os participantes.
Xa pola tarde, o Auditorio acollerá a partir das 18.00 horas unha nova sesión da Mesa de Mobilidade Velaívai! na que participarán todos os colectivos veciñais, profesionais, asociacións, empresas, comerciantes, ANPAS, partidos políticos, sindicatos e cidadáns a título individual que estean interesados na temática e desexen trasladar as súas propostas ao PMUS de Vilagarcía. Os técnicos da empresa redactora GEA21 serán os encargados de dirixir o taller que complementa ás dúas actividades anteriores celebradas en Vilaxoán e Carril co obxectivo de facilitar a participación cidadá no proceso de elaboración do documento co que se planificará o deseño de Vilagarcía nos vindeiros anos en materia de mobilidade e baixo criterios de respecto ao medio ambiente, fomentando os desprazamentos a pé, en bici e en transporte público de xeito que se poida reducir o uso do coche e outros vehículos privados motorizados que contaminan con gases e ruídos e xeran mais problemas de inseguridade viaria, incidindo negativamente no benestar da cidadanía