CULTURA
Vilagarcía homenaxea a Carlos Puga no seu 80 aniversario para agradecer o seu intenso activismo socio cultural Incrédulo ao principio, sorprendido despois e emocionado por último foron as fases polas que pasou esta mañá Carlos Álvarez Puga tras coñecer, por sorpresa, en vivo e en directo e ante os medios de comunicación, que ía a ser obxecto dunha homenaxe organizada polo Concello de Vilagarcía e moitos dos colectivos e asociacións nos que ten participado para agradecerlle a súa intensa e altruísta labor como activista socio cultural do municipio ao longo das últimas cinco décadas. A homenaxe farase coincidir co seu 80 aniversario, o sábado 24 de setembro, cunha gala moi especial a celebrar no Auditorio Municipal a partir das 21.00 horas.
21.09.2022.- Enganado sobre o motivo da rolda de prensa na que supostamente ía participar xunto coa concelleira de Cultura, Sonia Outón, Carlos Puga recibiu a noticia de bo grao, “moi agradecido e tamén moi feliz, porque eu son dos que penso que sempre se lles debería facer un recoñecemento a todas as persoas que traballan ou fan algo por un pobo. E non falo por min”, sinalou.
Sonia Outón fixo un breve repaso á prolífica participación de Puga en actividades culturais, no asociacionismo de Vilagarcía e mesmo como dinamizador de actos, partindo do papel que durante décadas exerceu como Paxe Real dos Reis Magos coreando aquel famoso cántico de “Ola Rei Melchor, ola Rei Gaspar, ola Baltasar!” tan característico do recibimento das Súas Maxestades á chegada ao Concello tras rematar a Cabalgata. A edil citou a súa participación no Xornal Criticón durante o Entroido, no Coro Liceo, na Orquestra de Pulso e Púa, no seu día no grupo Los Ibérico, e os 40 anos ao fronte da asociación micolóxica A Cantarela.
“Carlos Puga é todo un emblema en Vilagarcía, unha persoa que estivo en todo movemento social e cultural que xurdía, e sempre disposto a colaborar de forma desinteresada cos colectivos e asociacións. Por iso, tanto o Concello como todos estes colectivos, queremos amosarlle todo o noso cariño e agradecemento con esta homenaxe”, engadiu a concelleira. Outón apuntou a concellería, xunto con familiares e amigos levan moitos meses organizando o evento baixo o máis absoluto secreto para que a sorpresa tivese o efecto que finalmente tivo.
Coa voz entrecortada e algunha bágoa asomando, pero co humor que o caracteriza, o homenaxeado respondeu que “a quen habería que darlle un premio sería ao Pobo de Vilagarcía, que tan falador é, e que aínda así, para isto non soltou prenda”. Apostillando que “e aínda por riba, agora todo o mundo vai saber cantos anos teño!”
Con certa modestia, Puga quitouse méritos explicando que “é certo que estiven sempre facendo cousas, pero é que eu son moi inquieto, non paro, e si estou un minuto sen facer nada xa me parece que perdo o tempo”. O profesor remontouse ao ano 1974 “cando comezou todo isto coa participación do colexio Arealonga na c¡Cabalgata de Reis”. Logo formou parte da xa desaparecida Asociación Cultural Arousa, do Ateneo do que xurdiron o Cine Club Ádega e A Cantarela co seu Outono Micolóxico, e logo “toda a demais trapallada”.
Asegurou que “todo isto tamén foi posible pola demais xente que estaba aí nos colectivos e asociacións e tamén polo Concello, que sempre nos apoiou en todo o que queriamos facer, sendo quen fose o concelleiro ou concelleira de Cultura; cos todos os que tiven unha excelente relación, por certo”. Neste punto, Outón recoñeceu estar “realmente contenta se ter sido eu a quen lle tocase organizar esta merecidisima homenaxe”.
Puga rematou o acto cun “síntome recompensado”, en espera a que o sábado o Auditorio se encha de xente para celebrar xunto con el o seu 80 aniversario nunha gala que presentará Pilar Garrido e que contará con actuacións e intervencións de moitos amigos, asociacións e colectivos nos que Carlos ten participado, ou cos que ten colaborado, e da que a concelleira non quixo dar máis información “para que sexa outra sorpresa”.