CONCELLO
Médicos, docentes, ciclistas e técnicos disertan sobre mobilidade e saúde na última xornada do “Vaiderúas!” A última xornada o I Congreso sobre a Mobilidade do Futuro, o “Vaiderúas!”, a do xoves, 22 de setembro, xirará en torno ao binomio mobilidade e saúde, orientado máis en concreto, ao uso da bicicleta. Por iso, médicos, usuarios da bici, docentes e técnicos en mobilidade ciclista disertarán ao longo do día sobre as avantaxes que ten este modo de desprazamento para a nosa saúde, o xeito de promovelo e como deben prepararse ás cidades para que facelo sexa seguro e eficiente. A concelleira de Mobilidade exporá o modelo que está a seguir o noso Concello a través do relatorio “Vilagarcía e a bicicleta” e o congreso concluirá cun obradoiro práctico de circulación en ciclos.
21.09.2022.- A terceira e última xornada do “Vaiderúas!” abrirase ás 9.30 horas co relatorio sobre “Mobilidade saudable” que ofrecerá a xefa de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario da Coruña, María José Pereira. Ás 10 da mañá e co título “Pola túa saúde, ao cole a pé ou en bicicleta”, desenvolverase unha charla-debate na que intervirán Susana Aznar, profesora e investigadora da universidade de Castela A Mancha, e Ana Rosa Sánchez Vázquez, presidenta da Sociedade Española de Pediatría Social, e que estará moderada por Iván Villar, docente do ciclo de Ensinanzas Deportivas de Basket no IES Armando Cotarelo de Vilagarcía.
O modelo que se está a seguir na nosa cidade será a temática do relatorio “Vilagarcía e a bicicleta” que ofrecerá a concelleira de Mobilidade, Paola María Mochales, ás 12 do mediodía. E media hora despois comezará a charla debate na que Nacho Tomás, secretario técnico da Rede de Cidades pola Bicicleta, e Esther Anaya Boig, investigadora e consultora sobre mobilidade ciclista, exporán as súas ideas en relación a “Como pasar do coche á bici”. Neste acto actuará como moderador Emilio González, presidente da Asociación Arousa en Bici.
E como aconteceu nas xornadas anteriores, tamén no día da clausura, o “Vaiderúas!” pechará a axenda do xoves 22 cunha actividade práctica. Será o taller de circulación de bicicleta que se desenvolverá entre as 17 e as 20 horas no Parque da Xunqueira e que impartirá a asociación Mobi-liza. O obradoiro consta de tres partes, unha teórica e dúas prácticas a realizar nun circuíto pechado e na rúan cos obxectivos de que os participantes perdan o medo e se atrevan a circular en bici polas rúas da cidade e para poñer en práctica algúns consellos básicos para circular en bicicleta con seguridade.
O I Congreso sobre a Mobilidade do Futuro enmárcase nos actos organizados polo Concello de Vilagarcía no marco da programación da Semana Europea da Mobilidade.
CURRICULOS
MARÍA JOSÉ PEREIRA: Xefa de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC)
ANA ROSA SÁNCHEZ VAZQUEZ: Presidenta da Sociedade Española de Pediatría Social.
SUSANA AZNAR: Profesora e investigadora de la Universidad de Castilla La Mancha.
NACHO TOMÁS: Secretario técnico da Rede de Cidades pola Bicicleta. Licenciado en Administración e Dirección de Empresas. Director de N7, Axencia de Comunicación e Marketing Online, profesor en diferentes universidades españolas, escolas de negocios e organismos privados que ofrecen formación a medida e membro da Xunta Directiva de ADIMUR, a asociación de directivos da rexión de Murcia. Escribe unha columna de opinión no periódico La Verdad de Murcia, do Grupo Vocento. Tamén é triatleta e pai de dous fillos.
ESTHER ANAYA BOIG: Investigadora e consultora sobre mobilidade ciclista. Consultora de mobilidade ciclista e investigadora con máis de 18 años de experiencia e formación en estudos de Ciencias Ambientais e Transporte. Esther desenvolve e aplica marcos de avaliación da mobilidade cun enfoque crítico sobre a equidade.
Obtivo un doutorado no Centro de Política Ambiental do Imperial College de Londres cunha tese sobre como os factores ambientais sociais e construídos impactan no cambio de comportamento en mobilidade ciclista. É coautora de máis de 40 artigos e capítulos de libros académicos. Como consultora traballou en máis de 50 proxectos, plans, informes e publicacións para clientes a niveis local, rexional, nacional, europeo e internacional.
Os seus últimos proxectos se enfocan nos impactos na saúde física e mental e no benestar, e dende un enfoque de xénero e interseccional. Facilita procesos colaborativos de co-creación para deseñar estudios e políticas de mobilidade ciclista máis sostibles e accesibles. Esther tamén asesora e forma a outras consultorías e administrcións en planificación e política de mobilidade e imparte clases en varios programas de postgrao en España e Reino Unido.