TURISMO
O programa de turismo mariñeiro complétase coa creación da ruta de Vilaxoán e visitas virtuais en realidade aumentada A Concellería de Turismo do Concello de Vilagarcía completa este mes o seu programa de turismo mariñeiro mediante a creación da ruta dedicada a Vilaxoán, que se suma así á posta en marcha hai un ano en Carril. A iniciativa creada para dar a coñecer os recursos culturais, históricos, patrimoniais e marisqueiros da vila vilaxoanesa estenderase dende o esteiro do Rial ata a punta de Ferrazo, en Sobradelo, establecendo escalas en enclaves de especial interese nos que se instalarán paneis informativos. Como novidade, a ruta complétase con visitas virtuais en realidade aumentada ás que se poderá acceder cos dispositivos móbiles a través dos códigos QR que aparecen nos paneis.
09.09.2022.- A instalación da ruta de Vilaxoán comezou esta mañá na zona de Saíñas, xusto onde comeza a senda peonil do Rial, onde se colocou a silueta dunha peregrina sentada admirando a paisaxe. Os traballos proseguirán nos seguintes días coa montaxe dos cinco paneis informativos.
O primeiro deles, onde se propón o inicio do percorrido, situarase ao inicio do paseo de Canelas, na Punta de Ferrazo, en Sobradelo e, a modo de presentación, reunirá imaxes e unha breve descrición dos recursos turísticos de Vilaxoán, así como un plano da vila mariñeira.
A seguinte parada da ruta será na Praia do Castelete, fronte a antiga nave de Pita. Alí a información do panel centrarase na tradición da industria conserveira en Vilaxoán. O Parque de Dona Concha acollerá o terceiro panel. Aproveitando a proximidade á praza de abastos centrarase nos recursos do mar e na gastronomía vilaxoanesa, con especial referencia ás sardiñas ou revenidas, pero tamén ás artes de pesca que se empregan na zona.
O cuarto panel irá no Parque do Preguntoiro e estará dedicado aos mariñeiros e veciñanza de Vilaxoán, as súas tradicióna e modo de vida, facendo referencia a etapa na que a localidade foi municipio independente.
Por último, o quinto panel situarase onde remata a ruta, na zona de Saíñas, dende onde se admiran unhas excelentes vistas da zona marisqueira, das antigas salinas e dos polígonos de bateas. Precisamente, a actividade marisqueira e o fondeo da primeira batea de mexillón de Galicia son dous dos puntos destacados neste panel.
A principal novidade da ruta mariñeira de Vilaxoán é a incorporación da visita virtual en realidade aumentada para completar os contidos dos paneis. Así, a través dos códigos QR que figuran neles e sen moverse do lugar, o visitante poderá entrar de forma virtual na igrexa e o pazo de Sobrán, no casco mariñeiro da vila e na zona histórica do pazo de Pardiñas, e coñecer tamén como si estivera alí mesmo como é o traballo nunha batea, ou como extraen ameixa e berberecho as mariscadoras nunha xornada no esteiro do Rial. A visita conta co aliciente das imaxes en 360 graos que permitirán ao visitante facerse unha composición do espazo moito máis real.
Financiada polo GALP
Como no caso da de Carril, a ruta de turismo mariñeiro de Vilaxoán finánciase ao 100% a través dunha subvención do Grupo de Acción Local do Sector Costeiro (GALP). O custe ascende a 17.200 euros.
A potenciación do turismo mariñeiro é unha iniciativa posta en marcha pola Concellería de Turismo que dirixe Álvaro Carou co obxectivo de dar a coñecer, poñer en valor e promocionar os atractivos e recursos turísticos que ofrece as dúas vilas mariñeiras de Vilagarcía. Preténdese que os turistas que chegan a Vilagarcía e ao resto de municipios da comarca visiten tamén Vilaxoán e Carril e contribúan á dinamización económica destas dúas fermosas vilas mariñeiras. A modo de nexo entre unha e outra ruta, tamén se colocará un panel informativo de ámbalas dúas a medio camiño, na zona do peirao deportivo de Vilagarcía, para dar a coñecer a existencia deste recurso e animar a visitar as vilas mariñeiras.