EMPREGO
O Auditorio acolle o 7 de setembro a Feira de Emprego PICE para poñer en contacto a demandantes de emprego e empresas A Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía organiza a Feira de Emprego- PICE 2022, que se desenvolverá o vindeiro 7 de setembro no Auditorio Municipal de Vilagarcía, co obxectivo de fomentar a empregabilidade da poboación xuvenil, ao ser este colectivo que rexistra os niveis máis elevados de paro. A feira será un espazo de encontro no que persoas na procura de emprego poderán contactar con importantes empresas de Galicia xeradoras de postos de traballo, e na que os particulares tamén poderán informarse sobre opcións formativas como a FP Dual e sobre distintas ferramentas para a busca activa de emprego.
01.09.2022.- A concelleira de Formación e Emprego de Vilagarcía, Alba Briones, e o vicepresidente da Cámara de Comercio, Eduardo Barros, foron os encargados de presentar a que será a cuarta edición da Feira de Emprego-PICE 2022 Vilagarcía, a primeira que se fará de forma presencial e, polo tanto ,na que se espera superar as cifras de participación das anteriores citas nas que, segundo explicou o responsable cameral, se estableceron máis de 500 interaccións entre empresas ofertantes de emprego e persoas demandantes.
Esta feira é unha das accións que a Cámara de Comercio pon en marcha a través do Programa Integral de Cualficación y Empleo (PICE) financiado con fondos europeos para loitar contra o desemprego xuvenil. Aínda que a feira está orientada especificamente a este colectivo de idade, a proposta da Concellería, o evento ábrese á participación de calquera persoa en situación de desemprego que desexe aproveitar esta excelente oportunidade para presentarse ante as case vinte empresas de Galicia con maior potencial en creación de postos de traballo. Firmas como Gadisa, Adecco, Starnaliza, Vegalsa, Eurofirms, Grupo Clave, Iberconsa, Nortempo ou Experis, entre outras, estarán presentes o día 7 no Auditorio de Vilagarcía para recoller os currículos das persoas que se acheguen ata alí e que deberán presentalos, preferiblemente, mediante arquivo gravado no móbil, a efectos dunha máis rápida xestión. Cos currículos, as empresas poderán comprobar qué persoas se axustan aos perfís que están demandando para a contratación de determinados postos de traballo, e afectos de convocalos posteriormente para entrevistas de selección. A maiores deste punto, o representante da institución cameral explicou que as persoas que se anotan para participar nas feiras de emprego tamén se poden beneficiar dos restantes servizos que ofrece a Cámara ao longo do ano, como a orientación laboral e formativa ou a oferta de cursos e demais actividades que organizan.
A xornada desenvolverase entre as 9.30 e as 14.30 horas. Os desempregados poderán entregar os seus currículos en calquera momento dentro desa franxa horaria. O acto inaugural terá lugar ás 10.30 horas e a primeira das actividades previstas, o seminario sobre “Prácticas remuneradas: a FP Dual”, impartida polo dinamizador de FP Dual do IES Fermín Bouza Brey, Ignacio Román Díaz, desenvolverase de 11 a 11.30 horas. Ás 12 do mediodía comezará o taller práctico sobre identidade dixital, “No busques empleo: el trabajo te busca a ti”, que impartirá Alejandro Casal Iglesias, director de distrito da firma Adecco.
Briones agradeceu á Cámara a organización de eventos que contribúan a fomentar ou facilitar a xeración de emprego, un eido no que a Concellería tamén está poñendo todo o seu empeño a través de diversas iniciativas tanto de formación, como cos obradoiros de emprego, como mediante a concesión de incentivos económicos a empresas para fomentar contratación e a consolidación de postos de traballo e de axudas para a posta en marcha de proxectos de emprendemento.
Pola súa banda, o responsable cameral, agradeceu toda a axuda e a colaboración ofrecida dende a administración local para o desenvolvemento desta feira de Emprego.