EDUCACIÓN
As axudas municipais a estudos universitarios e de ciclos superiores de FP poderanse solicitar do 1 ao 30 de setembro O Concello de Vilagarcía vén de aprobar as bases que regularán unha nova edición das axudas a estudos universitarios e de ciclos superiores de FP destinadas a vilagarciáns que cursen fora do municipio. O Concello dispón dunha partida de 60.000 euros para financiar as bolsas que, como en edicións anteriores, serán de 400 euros para os primeiros e de 200 para os segundos. As axudas poderanse solicitar do 1 ao 30 de setembro e referiranse a estudos realizados no último curso realizado, o correspondente á temporada 2021/22.
16.08.2022.- Esta é a sétima convocatoria da liña de axudas creadas polo executivo que preside Alberto Varela co obxectivo de garantir a igualdade de oportunidades no que á formación e estudos se refire, de xeito que a situación económica familiar non sexa obstáculo para elo, dado o elevado custe que isto supón para as familias con economías con menores recursos. Por iso as bolsas concédense en base aos niveis de renda familiar. Para garantir estra igualdade de oportunidades, as bolsas municipais son compatibles con outras subvencións e axudas procedentes de organismos, institucións e persoas físicas ou xurídicas, de natureza pública, semipública ou privada.
Ademais de estar empadroados e residir en Vilagarcía cunha antigüidade mínima dun ano, os principais requisitos para acceder a estas subvencións son, para o caso de estudos universitarios ou de nivel similar, que os alumnos teñan cursado un mínimo de catro materias anuais ou un mínimo de 30 créditos por curso. No caso dos ciclos superiores esíxese que os estudos se realizasen na modalidade de dedicación a tempo completo. E en ámbolos dous casos, para recibir a axuda, os solicitantes terán que xustificar ter superado, polo menos, o 50% das materias nas que estivesen matriculados no curso 2021/2022. Quedan excluídos da convocatoria os estudos realizados on-line.
As bases que regulan a convocatoria e na que se indica o procedemento de solicitude e a documentación a presentar publicaranse nos vindeiros días no Boletín Oficial da Provincia, no taboleiro de anuncios da web municipal ( http://www.vilagarcia.gal ) e na sede electrónica do Concello (sede.vilagarcia.gal). Tamén na web e na sede estará dispoñibles os formularios para tramitar a solicitude que deberá presentarse a través da sede electrónica do Concello no prazo anteriormente indicado.
Os 60.000 euros destinados a estas axudas fináncianse ao 50% a cargo dos orzamentos das concellerías de Educación e de Benestar Social.