MEDIO AMBIENTE
Varela anuncia máis fondos municipais para axudar a recuperar o monte queimado en Xiabre O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, xunto co rexedor de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, a tenente de alcalde, Tania García, e directivos das comunidades de montes de Cea-Castroagudín e de Saiar, visitaron este mediodía a “zona cero” do incendio forestal que a semana pasada calcinou 450 hectáreas do monte Xiabre en terreos de ámbolos dous municipios. En medio dunha estampa desoladora dominada pola cor negra dos restos queimados, Varela anunciou que o Concello de Vilagarcía implementará a partida de 80.000 euros que destina anualmente á conservación e mantemento dos montes do municipio co obxecto de axudar á recuperar canto antes a superficie queimada neste último incendio.
10.08.2022.- A visita desta mañá serviu para avaliar cos afectados dos dous municipios as medidas que os concellos poderían adoptar para tratar de paliar canto antes o que os rexedores de Vilagarcía e Caldas cualificaron como “un desastre ecolóxico e medioambiental”, que tamén implica importantes perdas económicas para os propietarios de parcelas (principalmente na parte de Caldas) e comunidades de montes afectados polas lapas. No caso de Vilagarcía, o representante da Comunidade de Cea-Castroagudín, Julián Abuín, sinalou que os danos superan os 600.000 euros ao perder unha importante extensión de árbores de plantación recente. En Caldas, a maior parte das 350 hectáreas queimadas estaban en mans de particulares, que na meirande parte perderon árbores cuxa madeira xa estaba en condicións de comercializarse, polo que o importe, aínda por cuantificar, será moi elevado. A comunidade de montes de Saiar tamén veu como se lle queimaban plantacións novas polo que, ao igual que a de Cea, ademais de perder eses cartos volver a investir en repoboacións, terán que elaborar un novo plan de reordenación e comezar dende cero.
Varela lembrou que está en curso a convocatoria das axudas que o Concello de Vilagarcía leva dando dende hai uns anos ás comunidades de montes do municipio para financiar investimentos destinados a obras e construción de equipamentos para a extinción de lumes, así como á realización de tarefas preventivas de limpeza e mantemento dos montes, e tamén repoboacións de árbores de especies autóctonas.A esta liña sumaranse os fondos adicionais anunciados esta mañá e que se concretarán nos vindeiros días, xa que o presuposto de 2022 xa está en curso.
Pola súa banda, Caldas tamén habilitará axudas especiais para a recuperación do monte, e o seu alcalde explicou que se vai a elaborar unha lista dos propietarios particulares de terreos queimados para cuantificar os danos e ver en que medida se lles podía axudar dende o Concello. Do mesmo xeito comentou que se contratarán os servizos dun enxeñeiro agrónomo para que elabore un proxecto de recuperación do monte.
Piden unha rápida reacción da Xunta e a reformulación das políticas forestais
Independentemente das achegas que ambos municipios poidan realizar, Alberto Varela lembrou que é a administración autonómica a que ten competencias sobre os montes de Galicia, “por iso deben de responder de forma rápida e eficaz para paliar os danos sufridos primeiro, e para volver a evitalos de cara ao futuro, poñendo os medios e os recursos económicos que sexa necesario”.
O alcalde de Vilagarcía e presidente da Fegamp invitou ao goberno galego a facer unha fonda e seria reflexión sobre as políticas forestais e de extinción de incendios que está desenvolvendo a Xunta de Galicia “porque ano tras ano estamos vendo que se repiten os mesmos desastres co mesmo resultado, o que demostra que esas políticas e medidas son de todo inadecuadas e non dan resultado”. Rey foi máis aló al lembrar que as axudas para a contratación das brigadas forestais son insuficiente e chegan tarde, este ano case en agosto, e en moitos casos ni tan sequera se poden cubrir os contratos porque non hai persoal cualificado.
Os responsables das comunidades de montes de Cea e Saiar tamén puxeron de manifesto as súas dúbidas sobre os sistema que se está a seguir nos dispositivos de extinción de lumes forestais dirixidos pola administración autonómica.
O incendio de Xiabre non só tivo repercusións naturais e medio ambientais, tamén patrimoniais. De feito unha das zonas afectadas polo lume foi o xacemento arqueolóxico de A Xaiba, en Castroagudín. O Concello de Vilagarcía xa remitiu un escrito á dirección xeral de Patrimonio da Xunta solicitando que veñan a avaliar os danos que sufriron os restos do castro que da nome a este lugar de Cea.