FESTAS
O humor, as acrobacias e a maxia regresan ás rúas do 17 ao 21 de agosto co Festaclown: “Pasen e vexan!” “Atención, atención!: o mellor circo de Galicia chega a Vilagarcía este verán”. Así de contundente se presenta a oitava edición do FestaClown, un evento que xa ten un espazo propio no programa das festas de San Roque e que este ano contará coa participación de 75 artistas nacionais e internacionais. As rúas da cidade bulirán co humor, as acrobacias e a maxia dos 25 espectáculos que se desenvolverán entre o 17 e o 21 de agosto en horario de mañá, tarde e noite e, como sempre, dando un protagonismo especial ao apartado social.
04.08.2022.- O Festaclown presentouse este mediodía no Parque Miguel Hernández coa presenza do alcalde, Alberto Varela, a concelleira de Cultura, Sonia Outón, o xerente da Agadic, Jacobo Sutil, e o director de Culturactiva, Nacho Fungueiriño, organizador do evento promovido polo Concello. A presentación abriuse cun squetch protagonizado por usuarios de Con Eles, que aproveitaron para lanzar ou seu “non á guerra”.
Aparte de incidir na calidade dos espectáculos incluídos nun evento “que sempre trunfa en Vilagarcía” e na profesionalidade dos organizadores, “que supón gran parte deste éxito”, o rexedor incidiu na vertente social que sempre ten o Festaclown ”e o diferenza de calquera outro proxecto similar ao aportar ese plus de calidade humana que o enriquece e converte en algo moi especial”.
De feito, volverá a haber unha Gala Social Solidaria, neste caso contra a guerra, a cargo de Pallasos en Rebeldía e na que intervirán o grupo de teatro Clámide e Con Eles, que porán en escena o espectáculo “Sen guerras”, Anxo Moure cos seus “Contos pola paz”, De Carmela, co espectáculo antibélico “Smile” e Jara Ortiz falando de igualdade con “Lúa Triangular”.
A concelleira salientou que o Festaclown é un evento para todos os públicos, do que gozan por igual os nenos e os adultos, e que enche de vida e diversión as rúas da cidade na semana das festas.
O director de Culturactiva indicou que este ano se seguirá o formato habitual prepandémico, e xa sen ningún tipo de restrición sanitaria. Cada día haberá un espectáculo do Festaclown Social ás 11.00 horas na Praza de Galicia e outro de pequeno formato ás 12.30 nos Xardíns de Ravella. Pola tarde volverase á Praza de Galicia con actuacións de acrobacias aéreas e espectáculos circenses variados, e cada xornada rematará ás 21.00 horas na Praza da Segunda República cos espectáculos de gran formato e por cuxo escenario pasarán importantes compañías circenses de Madrid, Valencia, Francia, Canadá ou Arxentina.
Polo Festaclown 2022 pasarán as mellores compañías con espectáculos de acrobacias, música, narración, clown e humor para todas as idades. Os galegos Desastronauts, Fran Bouza, Troula ou Dani García compartirán cartel con grandes nomes do panorama nacional e internacional como Cía Vaya, Entre Nous, Rojo Telón, Kanbahiota, Trotamundos, La Troupe Malabó ou Javier Ariza.
Xornada previa coa Banda de Música
Seguindo o que é xa unha tradición, o Festaclown terá unha xornada previa, a modo de petisco, o 13 de agosto. Trátase do espectáculo músico –humorístico sobre a música clásica, unha especie de concerto, ou mellor dito de “Desconcerto”, que porán en escena Culturactiva Producións e a Banda de Música de Vilagarcía. Será ás 21.00 horas na Praza da II República.