FESTAS
San Roque volve á máxima potencia para saciar as ansias de festa dos vilagarciáns e con Xoanqui Ameixeiras de pregoeiro O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e a concelleira de Cultura, Sonia Outón, presentaron esta mañá as Festas de San Roque 22, un programa que, tras dous anos de restricións pola pandemia, regresa coa máxima potencia para saciar as ansias de festa dos vilagarciáns e cun pregoeiro “que é dos nosos”, o popular cociñeiro, Xoanqui Ameixeiras. O rexedor salientou a volta á programación dos eventos multitudinarios como a Festa da Auga ou Combate Naval, “partes esenciais das nosas Festas de Interese Turístico Nacional”, e a cantidade e calidade das actividades incluídas “para que poidamos resarcirnos do sacrificio que nos supuxo ter que prescindir durante tanto tempo de boa parte do noso ocio”.
22.07.2022.- Aínda que as Festas de San Roque propiamente ditas desenvolveranse entre o 11 e o 21 de agosto, a programación lúdica e cultural esténdese durante dous meses. Comeza esta fin de semana coa Noite das Meigas e remata a mediados de setembro co Festival das Revenidas. E polo medio, eventos como a Semana de Cine, o Festival Mundial de Ilusionismo de Galicia, numerosos eventos deportivos, o Festivala, o Ameixa Rock ou o Folk no Alobre, entre outros. O alcalde referiuse a este aspecto para asegurar que “poucas cidades de Galicia e incluso de España poden presumir de ter unha programación lúdica e cultural cunha oferta tan ampla como a que temos en Vilagarcía, e non só en verán, senón durante todo o ano”.
Varela reiterou a mensaxe de que as de San Roque son “as festas de todos e para todos”, por iso inclúen actividades pensadas para os distintos públicos, tanto tendo en conta as idades como a variedade de gustos. Nesta mesma liña tamén lembrou o carácter inclusivo da celebración, “con actividades que se traducirán á linguaxe de signos”, empezando polo propio pregón.
Centrándose na semana grande das festas patronais, a concelleira de Cultura comezou referíndose ao cociñeiro Xoanqui Ameixeiras, “unha persoa moi coñecida e moi querida, que non naceu na nosa vila, pero que é un vilagarcián por elección e de adopción, que xa hai moitos anos fixo de Vilagarcía a súa casa e que de seguro nos vai a deleitar cun pregón moi saboroso”.
En relación á volta á “antiga normalidade”, a concelleira referiuse á exposición sobre a Festa da Auga que se poderá visitar entre o 5 de agosto e o 10 de setembro na sala Rivas Briones. A mostra titulada co berro de guerra desta húmida celebración, “Aquí non chega!”, comporase das camisetas que moitos vilagarciáns vestiron na festa con lemas e ilustracións relativos ao evento. Fotografías realizadas por fotoxornalistas da zona tomadas en diferentes edicións completan esta radiografía da Festa da Auga.
Preguntado sobre a repercusión que a seca pode ter nesta celebración, Alberto Varela asegurou que “a Festa da Auga vai a celebrarse si ou si, porque no lo merecemos e porque é un dos eventos polo que as Festas de San Roque foron declaradas de Interese Turístico Nacional”. Aclarado este aspecto, o rexedor explicou que o xeito no que se desenvolverá dependerá de como evolucione a situación nas vindeiras semanas.
Un dos apartados principais do programa é o musical. Como noutros anos, a Concellería de Cultura deseñou un cartel pensado para agradar a todo tipo de públicos e que combina a presenza de artistas nacionais –este ano incluso un internacional- coa de músicos locais. No primeiro grupo contarase cos xa anunciados concertos dos madrileños La La Love You, o músico urbano Hens, os heavys Barón Rojo e Los Motores, a finalista de Operación Triunfo 2018, Natalia Lacunza, Elíades Ochoa, un dos máximos representantes do son cubano a nivel mundial e gañador de varios premios Gramy, e o popular grupo de pop-rock MClan, liderado pola característica voz de Carlos Tarque.
E no de músicos da casa figuran os concertos que ofrecerán Xacal, finalista na última edición dos premios Martín Códax que se caracteriza por un estilo que mestura música electrónica coa de raíces tradicionais; Joel Padin, o mozo de Bamio que reinterpreta a canción popular galega; o grupo Xaiba, que recupera os cantos de taberna; o Coro Liceo e a Banda de Cámara Arousa co seu espectáculo de zarzuela; o grupo de acordeón e voces Arosa Bay; e El Pirata Cojo, formación integrada por músicos vilagarciáns e parte dos compoñentes de 7 Setenta que farán un tributo a Joaquín Sabinma. Tamén se contará nas festas patronais de Vilagarcía coas sesións de La Duendeneta e Sra. DJ. e, no apartado de verbenas, coa intervención da orquestra New York, con sede na localidade e La Ola ADN, integrada por unha maioría de músicos de Vilagarcía.
A estes hai que engadir os grupos folclóricos e de gaitas das distintas parroquias do municipio que amenizarán as xornadas festivas con pasacalles en sesións de mañá e tarde. E atendendo a unha petición do público familiar, tamén haberá un concerto exclusivo para os máis pequenos, o que protagonizará Uxía Lambona e a Banda Molona.
Por último, Sonia Outón presumiu de que todas as actividades incluídas no programa de festas son de balde para o público.
Consulta o programa completo a través do banner desta web.