TURISMO
Carou participa no Encontro de Xestores da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, da que Vilagarcía forma parte O concelleiro de Turismo, Álvaro Carou, participa estes días no IV Encontro de Xestores da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes (DTI) da que o Concello de Vilagarcía de Arousa forma parte dende o ano 2019. Durante tres días, os representantes dos 325 destinos que integran a entidade participarán nos relatorios, actividades e mesas redondas que se levan a cabo na localidade de El Ejido para facer seguimento do estado de execución do proxecto SEGITUR, para abordar as novidades na implantación da metodoloxía DTI e para identificar os retos pendentes que terán que afrontar nos vindeiros meses.
24.05.2022.- O programa Destino Turístico Intelixente é un proxecto promovido pola Secretaría de Estado de Turismo (SETUR) e xestionado pola Sociedade Mercantil Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (SEGITTUR). O proxecto persegue contribuír a mellorar a competitividade dos destinos turísticos e a calidade de vida dos seus residentes incidindo en cinco ámbitos de actuación: gobernanza, innovación, tecnoloxía, sustentabilidade e accesibilidade. E a Rede é un instrumento ao servizo dos xestores públicos para acadar a transformación do destino.
O interese crecente dos destinos, institucións e empresas por formar parte desta Rede, demóstrase co importante impulso que colleu nos últimos anos e pese a pandemia, xa que dos 66 destinos cos que contaba en 2019 cando ingresou Vilagarcía, pasou aos 325 da actualidade. Pos iso, a Rede é un referente nacional e internacional e constitúe un punto de encontro dos destinos para compartir boas prácticas e dar resposta a moitas inquietudes.
O Destino Turístico Intelixente se define como un destino turístico innovador, consolidado sobre unha infraestrutura tecnolóxica de vangarda, que garante o desenvolvemento sostible do territorio turístico, accesible para todos, facilitando a interacción e integración do visitante coa contorna e incrementando a calidade da súa experiencia, así como a mellora da calidade de vida dos seus habitantes. Con esta filosofía e seguindo estas directrices, a concellería de Turismo de Vilagarcía, de forma transversal con outros departamentos municipais, está a desenvolver diferentes accións e programando outras a través dos 2,5 millóns de euros obtidos dos fondos europeos Next Generation correspondentes ao Plan Estatal Turístico Xacobeo.
O proxecto de Vilagarcía leva por título Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) e permitirá desenvolver actuacións tendentes a modernizar e impulsar o turismo sostible mediante accións de recuperación de espazos, dotación de infraestruturas e equipamentos e creación de novos servizos, pasando por actuacións de sinalización inclusiva e dixitalizada.