CULTURA
O bus do teatro regresa a Vilagarcía para levar ao público á representación de “Ás oito da tarde, cando morren as nais” Como xa acontecera no mes de xaneiro, o bus do teatro recala en Vilagarcía en maio para facilitar a asistencia do público da cidade á última produción teatral do Centro Dramático Galego, a da obra “Ás oito da tarde, cando morren as nais”, que se porá en escena o sábado 28 de maio no auditorio de Catoira. Os interesados en asistir a esta función disporán de desprazamento de ida e volta de balde, previa inscrición e con entrada bonificada a 3 euros. Ofértanse 50 prazas.
19.05.2022.- Os desprazamentos gratuítos para asistir a representacións teatrais son unha iniciativa do CDG incluída no seu programa de mobilidade e leva por título “Sobes ao autobús do teatro?” A Concellería de Cultura do Concello de Vilagarcía colabora encargándose de difundir a proposta e xestionando as reservas, trámite que os interesados deben realizar enviando un correo electrónico ao enderezo cultura@vilagarcia.gal , indicando nome, apelidos e teléfono de contacto, ou presencialmente na portería do auditorio vilagarcián. As inscricións para dispor do bus e da entrada bonificada poderán realizarse ata o venres 27 de maio ás 14:00 horas.
O transporte para asistir á función do día 28 en Catoira partirá da Praza da II República de Vilagarcía ás 20.00 horas e o regreso dende Catoira está previsto para as 22.45 horas, con chegada aproximada a Vilagarcía sobre as 23.30.
SINOPSE
“Ás oito da tarde, cando morren as nais” é un espectáculo dirixido por Marta Pazos que pon en escena a obra de Avelina Pérez premiada co “Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais 2018”. Estreada en abril de 2022, conta no seu elenco con Camila Bossa, Sabela Domínguez, Xosé Esperante, Davide González, Alba Loureiro, María Llanderas e Toni Salgado.
“Ás oito da tarde cando morren as nais” é unha comedia sobre a relación entre quen está en escena e o público, nun xogo meta-teatral no que a audiencia é o centro e un canto coral sustentado no baleiro.
O teatro como lugar de encontro, cédelle o seu espazo ao espectáculo da estupidez, nun xogo escénico cunha concepción aberta do espazo e cunha mirada irónica sobre a relación entre o teatro e a súa recepción.