CONCELLO
O Concello aproba as bases das axudas municipais para a protección dos montes A Xunta de Goberno Local aprobou este luns as bases reguladoras do programa municipal de "Axudas a proxectos de actuacións preventivas e/ou obras forestais destinadas á prevención e defensa contra os incendios e protección dos montes do Concello de Vilagarcía". A liña de subvencións ás que poderán concorrer as comunidades de montes do termo municipal está destinada a colaborar no financiamento de proxectos de conservación e mantemento da masa forestal a desenvolver ao longo do ano 202. A Concellería de Medio Ambiente dispón dunha partida de 85.000 euros para destinar a estas axudas que xa se veñen convocando -e esgotando-, dende hai anos e que o ano pasado permitiron acondicionar 69 hectáreas forestais no municipio.
17.05.2022.- A liña de subvencións creada polo executivo socialista ten como obxectivo financiar iniciativas que contribúan a mellorar a situación dos nosos montes en relación á prevención e loita contra os incendios forestais. Financian actuacións para a creación de devesas, tratamentos axeitados da biomasa residual, podas e rareos da masa arbórea, así como limpeza e rozas das franxas de protección de 50 metros que deben separar o monte de núcleos urbanos, industriais ou de vivendas. Tamén se conceden axudas para actuacións de silvicultura preventiva, reforestación, xestión de biomasa vexetal e para a dotación das infraestruturas preventivas necesarias para unha efectiva actuación contra os incendios forestais, tales como os puntos de abastecemento de auga.
Reforestación con especies autóctonas No que ao apartado de reforestación se refire, as bases indican que os proxectos subvencionables teñen que ser de plantación de especies autóctonas, tanto arbustivas como arbóreas, ao ser estas axudas unha medida con obxectivos medioambientais e non produtivos. De forma excepcional, as bases recollen que en terreos de difícil implantación de especies autóctonas e "cando se xustifique con informe técnico", poderase valorar a posibilidade de plantación doutras especies, aínda que nestes casos, o máximo da axuda limítase ao 20% do custe da actuación.
Dada a existencia de elementos arqueolóxicos e patrimoniais nos nosos montes (petróglifos, mámoas ou restos de castros), dende hai dous anos a liña subvenciona tamén os custes da redacción de proxectos de control arqueolóxico nas zonas forestais nas que se sexa preciso este trámite para poder realizar medidas de mantemento e prevención de lumes.
As oito mancomunidades e comunidades de montes en man común existentes no municipio poderán presentar proxectos individuais ou colectivamente con outras entidades. As axudas tramitaranse polo réxime de concorrencia non competitiva e financiaranse proxectos executados ao longo do ano en curso. Os importes das axudas son variables. Calcúlanse en función de aspectos como a superficie que abarque a actuación proxectada, si é unha actuación a levar a cabo de forma manual ou mecanizada e tamén en función da capacidade do depósito de auga a construír.
Unha vez aprobadas as bases en Xunta de Goberno, a convocatoria debe publicarse no Boletín Oficial da Provincia. A partir do día seguinte ao da publicación, os interesados disporán dun prazo de 20 días naturais para presentar as solicitudes. Unha vez resolta a convocatoria, os beneficiarios disporán de prazo ata o 20 de outubro para xustificar a execución e importe das actuacións subvencionadas.