CONCELLO
Xuventude organiza tres campamentos temáticos de verán para a rapazada 8 a 12 anos Tras resolverse a convocatoria dos Campamentos Urbanos de Verán para cativos de 3 a 7 anos, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe as bases das actividades que a Concellería de Xuventude organiza durante a época estival para a rapazada de 8 a 12 anos. Trátase de tres campamentos temáticos (medioambiental, ecoartístico e multiaventura) a realizar por quincenas entre o 4 de xullo e o 12 de agosto. A participación é de balde e ofértase un total de 60 prazas. O período de inscrición ábrese o xoves, 19 de maio, e remata o 27 deste mesmo mes.
16.05.2022.- Os campamentos temáticos están dirixidos a rapaces e rapazas nados entre o 1 de xaneiro de 2010 e o 31 de decembro de 2014. Cada actividade conta con 20 prazas que se adxudicarán por rigorosa orde de inscrición. O campamento medioambiental desenvolverase durante a quincena que vai do 4 ao 15 de xullo, o ecoartístico (Naturarte) do 18 ao 29 de xullo e o multiaventura do 1 ao 12 de agosto. Impartiranse no Auditorio Municipal e en diferentes espazos ao aire libre, de luns a venres e en horario de 9 a 14 horas. Cada campamento dividirase en dous grupos de 10 participantes, cada un dos cales estará dirixido por un monitor especializado.
Ademais de facilitar alternativas didácticas e lúdicas para ocupar o tempo da rapazada durante as vacacións, os campamentos de verán ofrécense como medida de conciliación que permita ás familias compatibilizar a xornada laboral dos proxenitores coa debida atención dos seus fillos. Por iso, o principal requisito para poder inscribirse nos campamentos é que os dous proxenitores teñan ocupacións laborais, situación que deberán poder acreditar. O outro requisito é que os solicitantes estean empadroados en Vilagarcía ou que poidan acreditar que desempeñan as súas ocupacións laborais no municipio.
A maiores do aspecto conciliador, cos campamentos urbanos de verán, a Concellería de Xuventude busca proporcionar unha alternativa de ocio saudable á rapazada do municipio, ofrecendo unha ampla variedade de actividades que contribúan a reforzar os contidos educativos dun xeito lúdico a través dun proxecto educativo inmersivo. Deste xeito, os campamentos temáticos inclúen iniciativas de tipo medioambiental, de protección e promoción do patrimonio natural, histórico e artístico de Vilagarcía, así como actividades lúdicas e deportivas. Todo isto, para desenvolver mediante dinámicas participativas e grupais.
Os interesados en asistir aos campamentos de verán, ademais de cumprir os requisitos especificados nas bases, deberán presentar a solicitude debidamente cuberta, xunto coa documentación requirida, dentro do prazo establecido. A presentación farase preferentemente de forma telemática a través da sede electrónica do Concello. Tamén poderán presentala presencialmente no Rexistro Xeral, de luns a venres, en horario de 8.30 a 14.30 horas. Na solicitude deberán indicar por orde de preferencia á modalidade do campamento no que desexan participar.
Tanto as bases que regulan esta convocatoria como o formulario de solicitude poden atoparse no taboleiro de anuncios de http://www.vilagarcia.gal e da sede.vilagarcia.gal.
As prazas adxudicaranse por orde de entrada no Rexistro. De haber máis solicitudes que prazas elaborarase unha lista de agarda, tamén por orde de inscrición. A lista de admisións publicarase na sede e na web municipais o día 13 de xuño. A partir de aí, os admitidos deberán confirmar a reserva entre o 13 e o 16 de xullo, trámite que poderán facer mandando un mail ao enderezo omix@vilagarcia.gal da Concellería de Xuventude ou chamando aos teléfonos 986 099 200 extensións 212 ou 252. De non facer a confirmación, darase por rexeitada a praza e pasará a cubrirse recorrendo á lista de agarda.