BIBLIOTECAS
A Biblioteca municipal conmemora o Día das Letras cunha mostra e unha guía de lectura sobre Florencio Delgado A Biblioteca Pública Municipal Rosalía de Castro súmase á programación conmemorativa do Día das Letras Galegas con dúas actividades destinadas a dar a coñecer a figura e a obra do autor homenaxeado este ano: Florencio Delgado Gurriarán (1903 Vilamartín de Valdeorras- 1987 California- USA). Para divulgar o legado deste avogado, militante galeguista e poeta exiliado en México, a Biblioteca deseñou unha guía de lectura coas obras do fondo local e exhibirá a partir do luns, 16 de maio, unha exposición biblio-biográfica sobre a súa persoa.
13.05.2022.- A guía de lectura recolle os títulos asinados polo autor ou que tratan sobre el, e que están dispoñibles no fondo da Biblioteca. Distribúense en obra poética, outras publicacións (colaboracións, publicacións periódicas, etc.) e estudos críticos e biográficos.
Ademais do apartado bibliográfico, a exposición compleméntase co material enviado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística sobre a vida e obra do autor: 10 paneis nos que se conxuga a información escrita coa gráfica (fotos da vida, debuxos, portadas de libros, etc.) coa información escrita. Os carteis informativos estarán situados no vestíbulo de entrada da Casa de Cultura e a mostra bibliográfica, no primeiro andar da biblioteca.
A exposición poderá visitarse a partir do luns, día 16 de maio, ata finais de mes, de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 e os sábados de 9:00 a 14:00.