SERVIZOS SOCIAIS
Servizos Sociais expón a lista provisional de admisións na Escola Infantil Municipal e abre o período de alegacións A Xunta de Goberno Local aprobou onte a lista de nenos e nenas admitidos provisionalmente na Escola Infantil Municipal para o curso 2022/23, trámite a partir do que a listaxe se exporá ao público para que os afectados poidan presentar alegacións nuns casos, ou emendar a falta de documentación noutros. O prazo para realizar ámbolos dous trámites vai do 11 ao 18 de maio, ambos incluídos.
10.05.2022.- Nas listas figuran tanto as crianzas de novo ingreso admitidas provisionalmente, como as solicitudes pendentes de aprobar por faltar documentación, así como as denegadas e as que figuran en lista de agarda. As listas pódense consultar no taboleiro de anuncios da web municipal ( http://www.vilagarcia.gal ) e na sede electrónica do Concello (sede.vilagarcia.gal). As alegacións ou a documentación requirida deberán presentarse presencialmente no Rexistro Xeral do Concello, de luns a venres en horario de 8.30 a 14.30 horas, ou a través da sede electrónica. A Escola Infantil Municipal de Vilagarcía conta cun total de 185 prazas das cales 15 correspóndense co grupo de bebés (de 0 a 1 ano), 51 co de 1 a 2 anos e 119 co de 2 a 3. Na lista publicada hoxe só aparecen as admisións de novo ingreso, ás que deberá sumarse despois o alumando que renova praza e xa conta con reserva previa. Así, en espera de que se publique a lista definitiva tras pecharse o prazo de reclamacións, as novas admisións son 117 de forma provisional: 15 no grupo de 0 a 1 anos (con 10 menores aínda non nados cuxas solicitudes se resolverán a partir de setembro), 41 solicitudes no grupo de 1 a 2 anos e 55 no de 2 a 3.