FESTAS
As festas de Santa Rita regresan libres de restricións con atraccións, pulpeiras e concerto de La La Love You Despois de dúas edicións marcadas polas restricións impostas pola crise sanitaria, Vilagarcía recupera este ano as festas de Santa Rita no formato prepandémico. A ansiada volta á “antiga normalidade” queda reflectida nun programa de festas que a Concellería de Cultura non tivo que recortar este ano e que recupera toda a súa esencia e todos os seus atractivos, incluídas as atraccións no Ramal, o ambiente romeiro coas pulpeiras en Vista Alegre e o tradicional concerto gratuíto da Xunqueira, o que protagonizará o grupo La La Love You.
22.04.2022.- Santa Rita regresa con gañas, sen tapabocas, aforos nin distancias de seguridade e cun programa cheo de actividades lúdico-festivas organizadas polo departamento que dirixe Sonia Outón co obxectivo especial deste ano de cubrir as ansias de divertimento e de celebración comunitaria polas que os vilagarciáns e os veciños da contorna levan dous anos agardando.
Os nenos e nenas volverá a contar coas tradicionais atraccións, carruseis e cochiños na zona do Ramal. Tamén regresan ás rúas da cidade os postos de venta ambulante, así como as pulpeiras e rosquilleiras ás inmediacións de Vista Alegre. Consecuentemente, isto supón que tamén se recupera o trámite de solicitude para a instalación das atraccións, das carpas das pulpeiras e dos postos de rosquilleiras e velas, xestión que os interesados xa poden realizar.
Como avance do programa que está piques de pechar, a Concellería de Cultura adianta o nome do grupo elixido para a volta á normalidade dos concertos na Xunqueira. E será nada menos que La La Love You, a banda revelación no panorama musical español do último ano, con éxitos como o dobre disco de Platino por “El Fin del Mundo” -canción que está batendo marcas e leva xa máis de 700 semanas no top do máis streameado en España- e por terse alzado co Premio MTV EMA a Mellor Artista Español en decembro del 2021. O concerto celebrarase o día 21 de maio a partir das 23.00 horas e a entrada é libre e de balde, en formato prepandémico: de pé, sen máscaras, sen distancias nin aforos.
Os actos relixiosos das festas de Santa Rita tamén se recuperan por completo tras a pandemia e sen restricións e sen reserva de entrada. Dende o día 13 de maio haberá misas da Novena ás 11 e as 20 horas, e o 22 de maio, cada hora dende as 6 da mañá ata as 19 da tarde. Ademais, os fieis e devotos da santa de Casia poderán acompañar a súa imaxe na multitudinaria procesión que despois de dous anos volverá a percorrer as rúas do centro da vila.
Dende Parla e dende “El fin del mundo”
La La Love You son unha banda de Parla (Madrid) que está facendo historia. Coa compañía independente Subterfuge respaldándoos son, sen lugar a dúbidas, un dos grandes fenómenos musicais da década. Formados en 2007 e sempre no ambiente do power pop, en xuño de 2019 saltan á fama coas súas cancións de punk-pop de estribillos irresistibles, frescas, directas, optimistas e de produción impecable. “El Fin del mundo” publicouse a principios do 2020 con certo aire premonitorio no seu título: foi un dos temas que animaron os balcóns nos que as persoas confinadas saían a aplaudir aos sanitarios e a saudar aos veciños, logrando converterse na canción do verán e situándose no máis alto das listas de temas máis escotados (e vendidos) no noso país. Tampouco se quedan atrás en milleiros de escoitas títulos como“Más colao que el colacao”, “Laponia” ou “Irene”.
Actualmente están preparando o próximo álbum e están lanzando novos singles como “La canción del verano”, un tema directo e pegadizo, cun pouso triste, pero fiel ao estilo enérxico da banda, a divertida “El día de Huki Huki”, cun feat da cantante galega Dani e arranxos de Carlos Sadness, ou o hit directo e marca da casa “Big Bang” con Delaporte. Ademais, este Nadal sorprenderon aos seus fans cunha alianza moi especial: unha versión glampunk da mítica “Tenía tanto que darte" de Nena Daconte, coa intervención da artista.
Outras curiosidades da banda son que La La Love You colleron o seu nome dunha canción de Pixies, estiveron a punto de representar a España en Eurovisión e fixeron unha xira por Xapón, país no que se teñen editado os seus discos.