AVISOS
O Concello pon ao cobro a partir do luns a taxa de sumidoiros para os 23.250 abonados do municipio O Concello de Vilagarcía abre o luns, 11 de abril, o prazo voluntario de recadación da taxa de sumidoiros. Segundo o padrón municipal que vén de ser aprobado, son un total de 23.250 recibos de abonados ao servizo os que se emitirán neste exercicio para o pago da taxa que ten carácter anual. O Concello prevé recadar por este concepto 941.975 euros que se destinan a financiar custes do servizo.
08.04.2022.- O prazo que se abre o luns é o de pago voluntario e esténdese ata o 13 de xuño. A partir dese momento ábrese á vía de constriximento, que implica a aplicación dos correspondentes xuros de demora. O pago deberá realizarse nas entidades bancarias colaboradoras coa Recadación Municipal (Abanca, BBVA, Banco Pastor, Banco Sabadell, Banco Santader e Caixabank). O trámite tamén se pode facer a través da Oficina Virtual Tributaria, co documento de pago (recibo) que se enviará ao domicilio dos contribuíntes. No caso de perda do devandito recibo, os interesados poderán solicitar un duplicado na Oficina Virtual Tributaria do Concello de Vilagarcía ou nas dependencias de Recadación Municipal en horario de 8 a 15 horas.
Para os veciños que o teñan domiciliado, que son a maioría cun total de 18.148 recibos (o 78% do padrón), o cargo en conta farase de forma automática o día 3 de maio. Os contribuíntes que queiran domiciliar os seus recibos deberán comunicalo ao Servizo de Recadación cunha antelación mínima de 15 días antes da data de cargo en conta.