_ Buzón do Alcalde Trámites Administrativos Turismo Enlaces
4O CONCELLO
:VILAGARCÍA TURISMO:
_LA CIUDAD
_THE CITY
voluntariadogalego.org
voluntariadogalego.org
CONCELLO
Varela e Comesaña asinan o convenio para construír o novo centro de saúde comprometéndose a axilizar a tramitación

O Salón de Plenos do Concello de Vilagarcía acolleu hoxe un esperado acto: a firma do convenio de colaboración entre o Concello de Vilagarcía e a Consellería de Sanidade para a construción do novo centro de saúde na parcela da Comandancia da Mariña. No acto, o alcalde Alberto Varela Paz e o conselleiro Julio García Comesaña comprometéronse mutuamente a axilizar ao máximo os trámites a realizar en diante para que Vilagarcía poida ver cumprida coa maior brevidade a histórica e necesaria reivindicación de contar cun centro de saúde adaptado ao século XXI e ás necesidades actuais da poboación vilagarciá.
14.01.2022.- A firma deste convenio confire carácter de obriga á declaración de intencións recollidas no protocolo asinado a tres bandas o pasado 30 de xullo entre o alcalde, o conselleiro de Sanidade e o presidente da Autoridade Portuaria, no que se establecían as bases da colaboración entre as tes institucións para a futura construción do centro de saúde no solar da antiga Comandancia de Mariña. Co documento firmado hoxe oficialízanse e fíxanse as respectivas obrigas e compromisos a cumprir por Concello e Sergas para a construción da demandada e necesaria infraestrutura sanitaria.

Tal como xa se avanzara, e agora se recolle de forma oficial neste convenio, o Concello comprométese a adquirir o solar da Comandancia á Autoridade Portuaria (por 1.157.406 euros), a demoler a edificación actual e a ceder gratuitamente os terreos ao Sergas para que este constrúa nel a infraestrutura sanitaria. O organismo autonómico asume a redacción do proxecto, contratación, dirección e execución das obras da infraestrutura sanitaria con cargo aos seus orzamentos.

No convenio tamén se especifica que na escritura pública da cesión dos terreos ao Sergas, contemplarase o dereito de reversión a favor do Concello no suposto de que o inmoble a construír deixara de prestar servizo como centro de saúde.

Ademais, o Sergas comprométese a incorporar ao novo edificio o mural que preside a fachada principal da Comandancia da Mariña, en lembranza tamén ao servizo prestado por este organismo e ao uso sanitario que xa se lle deu ao edificio nos últimos meses como centro de vacinación do covid, segundo indicou o conselleiro.

Duplícase a superficie, amplíanse e créanse novos servizos e aumenta o persoal

García Comesaña explicou que o novo centro de saúde modernizará e ampliará os servizos existentes ata o de agora no ambulatorio de San Roque. De feito, as instalacións da avenida da Mariña contarán cunha superficie algo superior aos 5.000 metros cadrados, duplicando á que ten o edificio de San Roque. Esta maior dispoñibilidade de espazo permitirá habilitar novas dependencias e crear novos servizos, o que tamén implicará un aumento de profesionais sanitarios.

O Sergas fixo a planificación de servizos e persoal do novo centro de saúde de Vilagarcía en base ao seu Plan Funcional. Nel se recolle que as futuras instalacións da Avenida da Mariña incrementarán en 3 as consultas de medicina xeral (ata sumar 17), en 4 as de enfermería (que tamén serán 17, de xeito que cada médico teña servizo de enfermería propio), en 1 as de pediatría (ata 5) e en 2 as de enfermería pediátrica (que tamén chegan a 5, unha por pediatra).

Ademais, duplicaranse as consultas de especialistas (traballo social, farmacia, matrona, odontoloxía, hixienista dental ou fisioterapia) que no actual centro tiñan unha única consulta, e aumentaranse tamén outro tipo de instalacións como as salas de técnicas, que pasarán de 2 a 4; as salas polivalentes, que pasarán de 2 a 3; as consultas de docencia, que pasan de 1 a 5; ou as salas de reanimación e observación da área de urxencias, que pasarán de 1 a 2. O novo centro permitirá contar con sala de illamento e cunha sala pediátrica para nebulizacións.

O conselleiro aproveitou para apuntar que aínda que o novo centro de saúde da Avenida da Mariña dará cobertura a toda a poboación do municipio, a Consellería manterá en funcionamento o consultorio de Vilaxoán, que se pretende reabrir tan pronto como se adapte aos requirimentos que esixe a pandemia.

Exemplo de colaboración institucional

O conselleiro lembrou na súa intervención os pasos dados no último ano para chegar ata este momento, que tanto el como o rexedor non dubidaron en cualificar como “histórico para Vilagarcía” e que foi froito da “colaboración institucional”. Comesaña recoñeceu os “atrancos” iniciais que existían para que a nova infraestrutura sanitaria se puidese construír na parcela da Avenida da Mariña ao non pertencer ao Concello, dificultades que “fomos capaces de solucionar”.

Aos agradecementos mutuos entre alcalde e conselleiro sumouse o recoñecemento que Varela fixo ao presidente da Autoridade Portuaria, José Manuel Cores Tourís, por facilitar o entendemento que fixo posible que ambas administracións chegasen a un acordo para a desafectación dos terreos por parte do Porto e a posterior adquisición dos mesmo polo Concello.

O conselleiro destacou que distintos trámites xa realizados polo Concello para ir avanzando de cara a execución do convenio, como a aprobación dos acordos coa Autoridade Portuaria ou a modificación das ordenanzas fiscais para a exención de taxas á construción do novo centro sanitario, “foron realizados con dilixencia e aprobados polo Pleno co consenso maioritario das forzas políticas presentes na Corporación, ao contar co respaldo do goberno socialista e da do principal grupo da oposición, o PP, o que avala o elevado apoio social que ten este proxecto”. Neste punto, o rexedor congratulouse de “cada vez sexan máis os grupos que se suman á iniciativa pola que os socialistas levaban loitando dende 2008 e que tan beneficiosa será para todos os vilagarciáns”.

Comesaña anunciou que a Consellería xa está traballando para sacar a licitación canto antes a redacción do proxecto construtivo do edificio e o alcalde puxo de manifesto o seu desexo de volver a recibir moi pronto a visita do conselleiro para presentar o esperado documento como seguinte paso de cara á materialización do novo centro de saúde. Mentres se redacta, o Concello tamén irá avanzando os trámites para a demolición da actual Comandancia, paso previo á preceptiva cesión da parcela ao Sergas.

Aliados fronte a pandemia

Aínda consciente da complexa e longa tramitación que conleva a execución do proxecto que implica a tres administracións, por último, Varela Paz, reiterou o compromiso do goberno municipal e dos técnicos do Concello para continuar colaborando e traballando cóbado con cóbado con Consellería para conseguir que o novo centro de saúde da Avenida da Mariña estea construído, dotado e operativo no menor prazo posible tal como demandan os vilagarciáns dende décadas. Ademais, o alcalde aseguroulle ao conselleiro que “en Vilagarcía sempre vas a atopar un aliado na loita contra a pandemia e. como xa viñemos demostrando, este Concello colaborará co Sergas en todo o que necesite para afrontar esta situación que estamos a vivir”.

4Participación CIDADÁ
_Escribe o teu ALCALDE
_Regulamento de Particip.
_Queixas e Suxestións
Trámites Administrativos
  Municipais / No Municipais
»
4DÍA A DÍA
    Abr 2024  
L
M
X
J
V
S
D
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
         
Congreso Vai de Rúas 2022
P.X.O.M.
voluntariadogalego.org


[Inicio] [Información Turistica] [Trámites Administrativos] [Ordenanzas] [Taboleiro de anuncios] [Buzón de Suxestións]
[Novas Concello] [Axenda Cultural] [Revista Municipal] [Plan Xeral de Urbanismo] [Vilagarcía en cifras]
[Gabinete de Comunicación] [Postales] [Mapa e Rueiro] [Enlaces] [Contacto]

© 2024. Concello de Vilagarcía de Arousa
Praza Ravella, n° 1. 36000 - Vilagarcía de Arousa
- Aviso Legal - Créditos -