COMERCIO E INDUSTRIA
Vilagarcía solicita o selo de “Mercado Excelente” para a Praza de Abastos A Xunta de Goberno Local de Vilagarcía acordou onte solicitar á Consellería de Economía, Empresa e Innovación e Comercio a concesión do selo de Mercado Excelente para a Praza de Abastos da cidade. A obtención deste distintivo, ademais de recoñecer a calidade das instalación e do servizo que se presta no mercado público vilagarciá, permitirá acceder a liñas de subvencións específicas e obter maiores sumas en axudas para a mellora das salas de abastos de Galicia.
30.11.2021.- O selo “Mercado Excelente” enmárcase na estratexia fixada pola Xunta de Galicia para potenciar a calidade, a excelencia e a modernidade dos mercados públicos e prazas de abastos galegos. Tal como se sinala na guía de boas prácticas do Plan de Mercados Excelentes, para solicitar o selo, a Praza de Vilagarcía tivo antes que cumprir unha serie de requisitos e seguir un procedemento que lle permitise elevar o seu nivel de calidade en materia de instalacións, accesibilidade, organización, servizos á clientela, etc… As obras de remodelación e modernización do edificio levadas a cabo nos últimos anos polo Concello nas instalacións municipais cun investimento moi importante, así como as melloras continuadas en materia de servizos e tamén as distintas campañas e accións realizadas a través da Área de Promoción Económica e coa colaboración do colectivos de praceiros, avanzaron neste sentido. Ademais, dentro dos requisitos que esixe a Xunta, a Concellería que dirixe Alba Briones, tivo que elaborar un diagnostico previo e deseñar un sistema de autoavaliación e xestión continúa da Praza.
A solicitude, xunto con toda a documentación xustificativa remitida, debe ser analizada pola Consellería que enviará unha inspección para comprobar “in situ” o cumprimento dos requisitos e avaliar a Praza a efectos de darlle a puntuación correspondente. O selo concédese aos mercados e Prazas de Abastos que acaden os puntos mínimos que acrediten o cumprimento destes estándares.
Dereitos e obrigas
A maiores do prestixio que supón dispor do selo de “Mercado Excelente” como aval de calidade, a súa obtención permitiría utilizalo nas accións de comunicación, promoción e publicidade da Praza de Abastos e tamén ter maiores posibilidades á hora de acceder a determinadas liñas de axudas convocadas pola Xunta e de optar a sumas maiores.
A obtención do distintivo implica tamén o compromiso dos solicitantes a continuar realizado as obras e accións necesarias para manter o nivel e requisitos esixidos, así como unha serie de obrigas e responsabilidades a cumprir polos praceiros en canto á calidade da prestación do servizo, dos produtos e da atención ao cliente.
O selo ten unha vixencia de 3 anos, tras os cales deberá ser renovado, pasando o correspondente procedemento de avaliación