CONCELLO
O Fexturrón! abre de novo en Vilagarcía con máis de 6.000 metros cadrados de diversión nun entorno seguro O Fexturron!, a feira de atraccións de Vilagarcía no Nadal, abriu hoxe as súas portas tralo parón sufrido ao pasado debido á pandemia. E fixóo con máis espazo e máis atraccións. Desta volta, a feira ocupa a totalidade do recinto feiral, é dicir, máis de 6.000 metros cadrados nun entorno seguro, con medidas de hixiene e distancia e a presenza constante de monitores. O Fexturrón! estará aberto ata o 9 de xaneiro.
26.11.2021. O alcalde destacou dúas calidades do Fexturrón. Por unha banda, a creación dun espazo que é moi agradecido por pais e nais, que teñen un lugar ao cuberto e seguro para pasar unas horas de ledicia cos seus fillos durante as vacacións do Nadal. Por outro, o apoio que supón para un sector, o das atraccións que levan case dous anos pasándoo moi mal como consecuencia da pandemia e as restricións de aforos derivadas daquela. Alberto Varela tamén destacou o cambio de imaxe deste ano, ao poder utilizar todo o espazo feiral, que facilitou non só que entren máis atraccións senón tamén a propia decoración e a comodidade dos usuarios. O rexedor fixo, por iso, un chamamento a todos os vilagarciáns a que acudan a Fexdega, porque valerá a pena.
Pola súa banda, o representante de C&C lembrou non só os prezos simbólicos das atraccións e a seguridade que haberá en todo o recinto, senón tamén que, fieis ao espírito que naceu o Fexturrón!, haberá xornadas de portas abertas para os centros educativos de persoas con diversas capacidades, para que tamén eles se sintan partícipes do lecer do Nadal.
A feira permanecerá aberta ata o 9 de xaneiro, con dúas únicas xornadas de descanso, o 25 de decembro e o 1 de xaneiro, nas que as atraccións abrirán só entre as 17 e as 21 horas e a pista e o tobogán, unha hora máis, ata as 10. Os días de Noiteboa e Fin de ano o recinto pechará ás 19:00 horas. O resto dos días, o horario será: de 16:30 a 21:00 horas as atraccións, de luns a domingo; e os a pista e o tobogán de xeo, de 11:00 a 14:00 horas, pola mañá, e de 16:30 a 22:00, pola tarde.