MULLER
O CIM de Vilagarcía leva atendidas a 117 mulleres por violencia de xénero no que vai de ano, cifra similar á de 2020 O Centro de Información á Muller do Concello de Vilagarcía, dependente da Área de Igualdade, leva atendidas por violencia de xénero no que vai de ano a 117 mulleres, unha cifra moi similar á do ano anterior, cando foron 115, e lixeiramente superior á de 2019, cando se computaron 107. Segundo as estatísticas feitas públicas hoxe, 25N, polo servizo coincidindo coa celebración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o 88% das vítimas son españolas, o 71% teñen idades comprendidas entre os 25 e os 54 anos e están maioritariamente desempregadas.
25.11.2021.- O número total de atencións realizadas no que vai de ano polo CIM ascende a 1.484. o que pon de manifesto a tendencia ao alza da utilización deste servizo que en 2020 realizou 1.394 atencións e 1.227 en 2019. As atencións do ano en curso foron realizadas por un total de 360 usuarias, entre as que se atopan as 117 vítimas de violencia antes mencionadas. O número de consultas realizada é superior ao de persoas atendidas porque o normal é que unha mesma usuaria precise de atencións en varios dos departamentos do CIM. Neste contexto, a temáticas das atencións divídense en 326 consultas de asesoramento xurídico, 461 de apoio psicolóxico e 697 de xestión de recursos. Neste último apartado, 112 consultas para xestión de recursos foron a vítimas de malos tratos.
Conmemoración do 25N
Tamén hoxe a mediodía tivo lugar o acto de conmemoración do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Decenas de persoas se deron cita na explanada do Concello para condenar a violencia de xénero, solidarizarse coas vitimas e reivindicar solucións.
A lectura do manifesto elaborado este ano polo Consello Local da Muller correu a cargo de Vicotria Hierro, a que foi concelleira da Muller durante os mandatos de Javier Gago e Dolores García e actual membro do Consello Local.
Previamente houbo un recital poético baseado no libro "Manifesto 25N: trinta voces pola eliminación da violencia contra a muller". Andrea Fernández Maneiro e Patricia Torrado Quiroga foron as que leron algúns dos poemas.
A campaña segue na rúa e a través das redes:
Co lema, "Na violencia machista, hai agresións que non se ven", estanse a subir ás redes sociais do Concello unha relación de vídeos cos que diferentes mulleres pretenden sacar á luz problemáticas específicas que se están a atopar nestes últimos tempos, e poñer sobre a mesa o debate sobre moitas situacións que ocorren de xeito cada vez máis habitual. Trátanse, por unha banda, de situacións que só fan perpetuar comportamentos machistas de sempre, como pode ser a normalización da violencia machista na adolescencia, algúns tipos de violencia en mulleres maiores ou a utilización dos fillos e fillas como xeito de prolongar o maltrato cara a nai. E por outra das dificultades específicas que sofren as mulleres cando son maltratadas, como pode ser o problema para acceder a unha vivenda, a falla de recursos de protección en situacións concretas ou as diferentes dificultades que se poden atopar no proceso de poñer unha denuncia.
Ademáis diso, o tecido social e económico uníuse á loita vestindo os seus locais e empresas de negro.
A partir do 26, será o momento para que os centros educativos do municipio, dentro do grupo de traballo Educación, xénero e igiualdade coordinado dende a Área de igualdade, mostren o traballo realizado en contra das violencias machistas polo seu alumnado, que constitúen a base da sociedade futura.