CONCELLO
O goberno local volve a conxelar as taxas e impostos para 2022 O tramite anual da revisión das ordenanzas fiscais a aplicar en Vilagarcía o vindeiro ano chega ao Pleno do mes de outubro. O goberno local mantén a liña dos últimos anos de conter a presión fiscal aos vilagarciás e volve a propoñer a conxelación xeral das taxas e impostos para o exercicio de 2022. As únicas excepcións son, por compromiso contractual 3 coma sempre, as taxas da auga e depuración que se verán incrementadas en base á variación do IPC. Ademais, introdúcense dous cambios nas ordenanzas do IBI e do ICIO para recoller o compromiso adquirido co Sergas para a construción do novo centro de saúde no solar da Comandancia.
20.10.2021..- Por sexto ano consecutivo, o executivo socialista que preside Alberto Varela, avoga por conxelar as taxas e impostos municipais . Á medida, cuxo obxectivo xeral é o de non sobrecargar as economías dos vilagarciáns, súmanse neste caso a necesidade de seguir contribuíndo a superar a crise que xerou a pandemia da covid.
Ademais das excepcións xa comentadas da variación do IPC (2,9%) nos recibos da auga e da depuración, hai que aclarar que aínda que o Concello manterá em 2022 o tipo impositivo a aplicar ao IBI no nivel deste ano (0,51%), o importe do recibo a pagar pola cidadanía sufrirá igualmente un incremento debido á nova ponencia de valores aprobada en 2013 polo anterior Goberno do PP e que segue tendo efectos nos petos dos cidadáns.
Reducións anuais do tipo do IBI para reducir o impacto do catastrazo Para reducir o impacto negativo do catastrazo, o goberno socialista foi reducindo anualmente o tipo impositivo no que se atopaba o IBI en 2015, pasando do 0,60 de entón ao 0,51 destes momentos. Este esforzo para aliviar a carga das familias supuxo que o Concello deixase de ingresar uns 5 millóns de euros, razón pola cal nestes momentos, coa elevación do gasto, tanto social como corrente, derivado das necesidades creadas pola crise sanitaria, resulta inviable continuar reducindo.
A proposta que se eleva ao Pleno inclúe ademais dúas modificacións nas ordenanzas do IBI e do ICIO, que se introducen para dar cumprimento ao acordo adoptado co Sergas para a construción do novo centro de saúde. No que ao ICIO se refire, amplíase a bonificación xa existente para as obras declaradas de especial interese ou utilidade pública e de interese xeral, que pasa do 50% ao 95%. E a ordenanza do IBI incorpora unha nova exención para os centros sanitarios de titularidade da Comunidade Autónoma Galega ou do Sergas. Esta exención supedítase á que sexa previamente solicitada polo interesado e a que os centros para os que se solicita manteñan a finalidade sanitaria para a que foron concibidos.