SERVIZOS SOCIAIS
450 escolares de 5º curso fórmanse na resolución pacífica de conflitos co programa municipal “Empatiza” A Área de Servizos Sociais do Concello de Vilagarcía puxo a andar a semana pasada o obradoiro “Empatiza”, destinado a promover a resolución pacífica de conflitos entre a rapazada. Oito centros educativos participan na actividade ofertada dende o servizo municipal, o que permitirá traballar con 450 escolares de 5º curso de Primaria, de xeito que, dende idades temperás, aprendan e poñan en práctica habilidades que lles permitan afrontar problemas ou roces cotiás con outras persoas, dun xeito positivo e que favoreza a convivencia. Esta acción está subvencionada pola Deputación Provincial a través do Plan Concellos.
20.10.2021.- A Concellería de Servizos Sociais conta con técnicos do gabinete Arelar Xestión Socioeducativa para impartir os obradoiros “Empatiza”, que se irán realizando de xeito itinerante ata finais de ano nos centros participantes: Rubiáns, Vilaxoán, Arealonga, A Lomba, Anexo, A Escardia, Piñeiriño e Sagrada Familia.
A actividade consta de dúas sesións iniciais de dúas horas de duración cada unha, que se distancian entre si unha semana, de xeito que o alumnado poida traballar e poñer en práctica as habilidades expostas no obradoiro para resolver as situacións conflitivas que poidan xurdir no seu día a día ou en casos ficticios creados por eles mesmos a modo de práctica. Para isto terán que recorrer á empatía, a escoita activa ou a asertividade e aprender a analizar o conflito dende todos os puntos de vista para tratar de buscar unha solución na que “todos gañen” en lugar de aquela na que a visión final é a de “gañador/perdedor”.
Tras estas dúas sesión e as súas correspondentes aplicacións prácticas, os educadores de Arelar regresarán por terceira vez aos centros para unha xornada final na que se exporán as conclusións do obradoiro, que se entregarán ao centro xunto cos casos prácticos desenvolvidos e a metodoloxía empregada, de xeito que poidan usalas para o desenvolvemento de programas propios.
O obxectivo final do obradoiro “Empatiza” é definir e sentar as bases para a creación da figura dos “axentes de convivencia” nos colexios, unha labor que desempeñarías os propios rapaces que o desexasen, xa que eles son os que mellor poden detectar os conflitos que poidan existir entre o alumnado, achegarse dun xeito máis doado aos afectados e traballar con eles no plano máis igualitario e de confianza do “ti a ti” entre rapaces. Maila isto, os axentes de convivencia traballarían no marco do programa creado polo propio centro baixo a supervisión e acompañamento do equipo docente.
En colexios como o Arealonga xa teñen implantado dende hai anos un programa de mediación que está moi consolidado. Outros, como o Sagrada Familia, pretende aproveitar o “Empatiza” para poñer en marcha o seu, mentres que en centros como A Lomba xa se está pensando en aproveitar a experiencia para crear a figura dos axentes de convivencia, segundo explicou o monitor de Arelar, Ramón Molina.
Previr problemáticas sociais e favorecer a convivencia
Os obradoiros “Empatiza” para a resolución pacífica de conflitos englóbanse na liña de actuación que a Concellería de Servizos Sociais desenvolve cara a poboación en xeral dende diferentes perspectivas co obxectivo de previr problemáticas de tipo social e favorecer a convivencia entre todos os sectores da sociedade. Os “Empatiza” son unha das actividades que se realizan anualmente dentro desta liña orientadas especificamente á infancia e que se complementan con outras que teñen como destinataria á xuventude, como o obradoiro Emotiradio realizado en setembro.