SEGURIDADE CIDADÁ
A Policía poderá detectar en tempo real que vehículos carecen de seguro, ITV ou incumpren as normas de aparcamento Coa incorporación dun dispositivo que controla as matrículas dos vehículos, a Policía Local de Vilagarcía dá un paso máis para garantir a seguridade dos condutores e viandantes e para mellorar a circulación polas vías locais. Con ese sistema, no que se investiron 26.000 euros con financiación da Deputación, os axentes poderán detectar en tempo real os vehículos que carecen de seguro ou de ITV, pero tamén os que incumpren as normas de aparcamento.
11.10.2021. Un exemplo da efectividade do novo dispositivo, que xa funciona noutras cidades máis grandes dende hai tempo, deuse no mesmo período de prácticas dos axentes cos técnicos da empresa que o instalou: unha das alarmas detectadas correspondeuse cun vehículo que figuraba na base de datos de Tráfico como posible substracción. Logo puido comprobarse que era unha furgoneta adquirida por leasing ou renting en Barcelona e requirida pola empresa propietaria. Tamén demostrou a súa efectividade na localización dun accidente con posterior fuga do seu protagonista.
O sistema funciona conectado permanentemente coa base de datos da Dirección Xeral de Tráfico. As cámaras do coche policial van “lendo” todas as matrículas dos vehículos por onde está pasando. Automaticamente, o dispositivo advirte dos que carecen de seguro ou de ITV ou están inmersos nunha investigación policial ou xudicial. Despois, antes de tramitar a denuncia, os axentes comproban manualmente a veracidade das alarmas, pois existe un marxe de error de aproximadamente o 2%, que ten que ver, normalmente, con erros na lectura da matrícula por danos na propia placa ou pola súa antigüidade.
En todo caso, como explicou o concelleiro de Seguridade, José María González, é unha mellora no traballo dos axentes que redundará na seguridade de condutores e viandantes, pois permitirá sacar da circulación a aqueles vehículos que non teñen seguro de accidentes ou que non pasaron a Inspección Técnica. As sancións que se produzan xerarán multas, pero a recadación será para Tráfico, non para o Concello.
O dispositivo ten, ademais, outras funcións. Por exemplo, a vixilancia do correcto uso dos aparcamentos libres (zona azul, é o caso) ou de carga e descarga. Así, o sistema permite facer unha primeira rolda para controlar quen usa eses espazos; nunha segunda pasada, advertirá daqueles coches, furgonetas ou camións que levan máis tempo do permitido nun mesmo lugar e, polo tanto, serán obxecto de sanción.